sábado. 19.07.2025
El tiempo

O libro en galego manda na Praza dos Libros de Carballo

Praza dos Libros de Carballo 2025 3
Un posto da Praza dos Libros de Carballo PLIC
O libro en galego manda na Praza dos Libros de Carballo

Fixo historia a feira da Praza dos Libros de Carballo neste 2025 cunha cifra excepcional de 2.500 libros vendidos, 800 máis que o ano pasado. Pero é que ademais, o 60% das ventas foron de libros en galego, outro dato excepcional que reforza a aposta do Concello de Carballo pola produción literaria no idioma, un dos grandes obxectivos da PLIC! 

A satisfacción das librarías participantes (Brañas Verdes, Espiral Maior Foro, Clarión, A gata tola, Á lus do candil, Espazo Lector Nobel, Teldy e Trasgo) é total, e agradecen a iniciativa da Concellaría de Arquivos, Bibliotecas e Normalización Lingüística que contou nesta 19ª edición coa colaboración da Fundación Luis Calvo Sanz e de Muebles Luis.

Praza dos Libros de Carballo 2025 2

Como é habitual, entre os títulos máis vendidos destacan os libros presentados na feira. Pero este sobresaen Nós estamos ben, non?, de Ramón Vilar Landeira, As tolas que non o eran, de Carmen V. Valiña, e Onde nacen as bestas, de Pedro Feijoo. As vendas en castelán destacaron pola variedade de títulos, sobre todo de literatura infantil e xuvenil e de novela, incluída a versión castelá do libro de Pedro Feijoo.

Ademais das vendas, cómpre destacar a boa asistencia ás actividades programadas, moi variadas, que encheron os catro días da plic!. E todo en perfecta harmonía co mercado do xoves e a feira do domingo, que é un dos aspectos mellor valorados polos libreiros e libreiras pola visibilidade que supón e pola posibilidade de achegar a literatura a todos os públicos.

Ao longo dos catro días realizáronse unha trintena de actividades, incluído o pregón de Marilar Aleixandre. O xoves e o domingo, precisamente coincidindo coas feiras, foron os días de maior afluencia, como demostra o feito de que tanto as latas de atún Calvo do primeiro día coma os moletes de pan do último fosen insuficientes para saciar a fame de literatura do público, o mesmo que as tarxetas-rasca con premios directos, que se esgotaron todos os días. 

Praza dos Libros de Carballo 2025

Comentarios