Medidas urxentes para paliar a colmatación da lagoa de Baldaio, convertida nun cemiterio de peixes
A situación da Lagoa de Baldaio é absolutamente insostible. Na bocana da ría, onde está a ponte grande, unhas obras de Costas modificaron hai uns anos a ría, provocando que se fixera un tapón de area que fai de peche da canle que comunicaba a lagoa co mar. A veciñanza da zona leva meses notificando situacións como a que convirte a estrada nun cemiterio de peixes, que ameaza os bancos marisqueiros, e que anega unha serie de vivendas.
Así o corrobora Chus Fdez. Rodríguez, responsable do camping Baldaio que leva vendo a evolución da situación dende hai moitos anos, e lamenta que a falta de acción das das administracións chegue a provocar estas traxedias medioambientais. A realidade é que entre Costas (Ministerio) e Medio Ambiente (Xunta) non parecían poñerse dacordo ata esta semana.
Medidas urxentes
Hoxe mesmo, a Xunta anunciaba un plan de medidas urxentes, como é “a apertura da lagoa para evitar futuros asolagamentos nas inmediacións deste espazo natural e que poidan afectar tamén á explotación marisqueira que se fai na zona”. Hoxe mesmo procederase a balizar a área afectada.
Un plan redactado tras unha visita ao espazo de técnicos dos dous departamentos autonómicos (consellerías de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e do Mar) e do Instituto Universitario de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (Ibader) da Universidade de Santiago. Ademais, a xefa territorial de Medio Ambiente na Coruña, Cristina Carrión, manterá esta tarde unha reunión con representantes das asociacións ecoloxistas de Carballo que están a realizar labores de limpeza na zona para trasladarlles os pasos que se decidiu dar con relación á marisma e as primeiras conclusións dos técnicos desprazados ata o lugar”.
Visita do BNG
Ao longo da semana pasada o deputado no Congreso Néstor Rego visitou a zona, e mantivo unha xuntanza cos mariscadores, moi preocupados pola supervivencia do seu medio de vida, e unha visita ao cámping e as vivendas afectadas.
O alcalde asegurou que “dende o Concello xa o levamos advertindo dende finais de outubro o que ía acontecer e finalmente aconteceu, que é que se está colmatando a lagoa e, como se pode apreciar, non hai fluxo mareal, como acontecía nas últimas décadas, entre a entrada e a saída da auga do interior da lagoa”.
Resaltaron que é “necesaria a axuda e colaboración por parte das Administracións”, e aseguraron que o BNG presentará unha iniciativa no Congreso dos Deputados demandando unha solución á situación. Tamén negociará a inclusión nos próximos Orzamentos Xerais do Estado dun proxecto para completar as redes de auga e saneamento en todo o val de Baldaio.