Vimianzo acolle o III Foro Atlántico Empresarial de SEA
              A Casa da Cultura de Vimianzo acollerá este xoves 6 de novembro, a partir das 16:30h a terceira edición do Foro Atlántico Empresarial co que SEA pretende seguir creando espazos de diálogo entre empresarios, técnicos e representantes das administracións públicas.
Esta edición estrutúrase en catro bloques temáticos:
- Os parques empresariais como infraestruturas especializadas: os beneficios para a empresa.
 - Administración pública e desenvolvemento económico: Incentivos e programas de axuda.
 - Financiamento para empresas.
 - As empresas na Costa da Morte: Crecemento e perspectivas.
 
No primeiro, os avogados de SEA expertos en Urbanismo, Antonio Quintela e José Rey Hermida, explicarán as condicións e vantaxes que para o empresariado supón formar parte dun parque empresarial.
A segunda mesa de diálogos será sobre as posibles axudas, e estará composta por Belén Fernández Rebolleda, responsable de Oficinas na Zona Norte do Igape; José Carlos Díaz, técnico de proxectos do Programa de Emprego Local da Deputación da Coruña; Guillermo González Díez, xerente do GALP Costa da Morte; e José Antonio Vila García, xerente do GDR Costa da Morte.
Miguel Ángel García Rey, director de zona de Abanca; Miguel Salvado Corral, director de Especialistas en Financiación Multiproducto en Galicia do Banco Sabadell; e Enrique A. González Iglesias, socio de Mercantil e Mercado de Capitais en EJASO, falarán de financiamento para empresas.
E Germán Lema Suárez, director xerente de Gerca Acero y Metal; Iván Pardiñas Blanco, administrador de Gambaru Power; e Valentín García Rodríguez, director xerente de Norgalicia Formigón expoñerán como é a súa bagaxe empresarial formando parte do polígono de Vimianzo.

      
      
            
            
        