Sábado. 27.04.2024
El tiempo

MercaEscola, a nova escola de consumo e saúde de Carballo

O alcalde Evencio e o concelleiro de Feiras e Mercados Ramón Varela
O alcalde Evencio Ferrero e o concelleiro de Feiras e Mercados Ramón Varela
MercaEscola, a nova escola de consumo e saúde de Carballo

Arrinca a MercaEscola, un programa formativo e informativo para persoas adultas sobre consumo e saúde. Serán 12 as actividades dirixidas a persoas adultas e que se desenvolverá na aula de formación do mercado municipal desde o 11 de marzo ata o 6 de xuño.

A MercaEscola nace cun dobre obxectivo: “Por unha parte, atender a demanda de formación que nos trasladan as persoas que asisten a
outras actividades, como os cursos de manexo dos teléfonos móbiles ou a Universidade Sénior, e, por outra, seguir dinamizando o mercado municipal, converténdoo nun lugar de referencia para a compra pero tamén para a formación”.

Os tres bloques formativos son:

  • 1. Consumo. O primeiro bloque ten que ver directamente co consumo e cos nosos dereitos como consumidores/as, no que contamos coa colaboración do Instituto Galego de Consumo a través do programa Consumo Responde. Serán 4 charlas, unha por mes, enfocadas a resolver as dúbidas dos consumidores sobre cuestións como os recibos da luz e o gas, a compra responsable, as entidades bancarias ou como presentar unha reclamación, todo dun xeito moi práctico.
  • 2. Saúde. Contaremos coa participación do oncólogo Alfonso Mariño coincidindo coa celebración da Semana Europea contra o Cancro, no mes de maio; da nutricionista e fisioterapeuta Leticia González, que falará da relación entre estas dúas especialidades e de como aplicar normas básicas para mellorar a nosa saúde no día a día, e da investigadora carballesa María Vilanova, que colabora nun proxecto da Facultade de Fisioterapia da UDC para intentar determinar se a marcha nórdica pode mellorar a patoloxía asmática. Neste bloque tamén haberá 4 sesións.
  • 3. Medio ambiente. O terceiro bloque ten que ver co medio ambiente e os servizos públicos, e tamén constará de catro sesións. Comezaremos falando da avespa velutina, coincidindo coa posta en marcha da campaña de trampeo no mes de marzo, coma nos últimos últimos anos.

As persoas que asistan a todo o curso recibirán ao remate un diploma acreditativo, pero tamén é posible inscribirse para sesións soltas. Dado que as prazas son limitadas, terán preferencia as persoas que e anoten para o curso completo. 

Poden inscribirse recollendo a folla de inscrición no mostrador do primeiro andar da casa do concello, e poderá entregarse presencialmente neste mesmo punto ou ben enviarse por e-mail a [email protected]. O prazo está aberto ata o xoves 7 de marzo. As prazas son limitadas e cubriranse por orde de inscrición. A matrícula e as sesións son de balde.
 

Comentarios