Domingo. 06.10.2024
El tiempo

O #traballandoenlingua analiza en Carballo a situación do galego no ámbito socioeconómico

O #traballandoenlingua analiza en Carballo a situación do galego no ámbito socioeconómico
traballandoenlingua 2016 carballo Representantes do ámbito da lingua e do sector empresarial reuniranse os días 6 e 7 de xullo - Fórum Carballo para traballar - con motivo do curso de verán #traballandoenlingua organizado pola Universidade da Coruña e que vai pola súa XII. Durante estes dous días farase un repaso polo o uso e o prestixio do galego no ámbito socioeconómico. Así, o programa inclúe sesións para analizar a situación da lingua galega no ámbito da empresa e o comercio, os motivos desa situación e os factores e condicionantes que a provocan e que poden ser claves para mellorala. Tamén se darán a coñecer e avaliaranse experiencias positivas sobre o uso da lingua galega, ou que procuran o uso do galego en comercio, empresa produtos ou publicidade. E, finalmente, hanse propor medidas de intervención que procuren mellorar o uso e o prestixio da lingua galega neses ámbitos. Ao longo de dous días o curso acollerá relatorios, debates, presentacións de experiencias e reflexións. Deste xeito, comezará o mércores 6 coa presentación do Plan de dinamización da lingua no tecido económico 2015-2020 por parte do secretario xeral de Política Lingüística da Xunta, Valentín García Gómez. A continuación será a vez do presidente da Confederación de Empresarios/as de Galicia (CEG), Antonio Dieter Moure, que falará da lingua como valor positivo de identificación empresarial. A mañá do primeiro día rematará cunha mesa redonda con representantes de empresas de diverso tipo que destacan polo uso do galego na comunicación, como é o caso de R (participará a súa responsable de comunicación, Malú Bergantiños), Deleite (falará o seu voceiro, Pedro González) e Todo Lar (que estará representada polo seu xerente, José Manuel Naya). Xa pola tarde, o profesor da Universidade de Vigo Fernando Ramallo fará unha análise sobre os espazos da lingua galega no ámbito socioeconómico. A continuación, Xosé González, voceiro do Foro Enrique Peinador falará da experiencia deste grupo de empresas a prol do uso da lingua propia. Tamén haberá unha análise sobre o uso do galego na publicidade, que fará Chechu Pérez, publicista da Universidade de Vigo. Rematará a primeira xornada coa intervención da artesá zoqueira Elena Ferro (Eferro) sobre a dignificación e posta en valor do propio. Un paseo pola paisaxe lingüística A segunda e última xornada do curso comezarase falando da paisaxe lingüística comercial, a partir do exemplo de Carballo. Un traballo que farán as xornalistas Paula Vázquez e Noelia Antelo, que tamén guiarán un paseo comentado pola paisaxe lingüística comercial polas rúas, feira e mercado de Carballo, combinado con arte urbana. A continuación, a presidenta da Unión de Consumidores/as de Galicia (Ucgal), Ana Olveira, falará da lingua como valor para as persoas consumidoras, e o xestor internacional e profesor da Universidade da Coruña, Jakson Renner, falará sobre o galego como valor turístico. Rematará a mañá coa intervención de María Xosé Jamardo Curros (Grupo Alfas) sobre as potencialidades do galego nas empresas de novas tecnoloxías. Xa pola tarde, representantes das empresas Imaxín, Reverso e Fabaloba contarán as súas experiencias sobre os servizos para a posta en valor da lingua nas empresas e, a continuación, o decano de Economía e Empresa da Universidade da Coruña, Anxo Calvo, falará sobre o papel da lingua na responsabilidade social corporativa das empresas. Rematará o curso cunha análise e debate de conclusións e ideas para un mellor futuro do galego no ámbito empresarial, algo que guiará o comunicador, xestor e escritor Ramón Vilar Landeira. Como participar Os prezos de participación neste curso son de 30 € para estudantado, persoas desempregadas, membros da UDC e socios/as da CTNL, e de 50 € para o resto, e este prezo, ademais do curso, inclúe os xantares e os cafés dos dous días. Ademais, hai unha oferta de hospedaxe en Carballo para participantes no curso que vai desde os 22 €/día con almorzo incluído. Polo tanto, unha persoa de fóra de Carballo pode participar quedando a durmir na vila desde os 70 € durante todo o curso, e con cuarto, almorzo, xantar e todas as actividades formativas incluídas. Novas relacionadas Fonte

Comentarios