Os peque-agricultores de Carballo volven prantar en ecolóxico


Como presta ver a estes meniños sachando no Horto Infantil Ecolóxico de Carballo de As Landras. Pásano de medo e ademais acaban de principiar un novo proxecto para plantar en pacas de palla.
Así, aínda que o patio do centro é reducido e non conta con espazo para a implantación dun horto propio, a técnica das pacas permitirá que os nenos e nenas tamén participen da actividade do Horto e aprendan xogando as claves dos cultivos e do ciclo dos alimentos. Hai que lembrar que o sistema para cultivar en pacas de palla xa se puxera en marcha con éxito na primavera do ano pasado de forma experimental nas instalacións do Horto Infantil na rúa Nardos e fora todo un éxito. Así, ademais de para superar as limitacións de espazo, as pacas serven para que os nenos e nenas sigan o proceso de cultivo dunha forma moi diferente, observando como un elemento bastante cotián pode transformarse nunha fonte de alimento.
Por outra parte, a altura das pacas fai que para nenos e nenas tan cativos o proceso de plantar sexa moito máis sinxelo. Este pasado venres comezaron coa plantación de leitugas coa axuda das monitoras da Escola Infantil e dun monitor do Horto. Aínda que algúns se mostraron sorprendidos e outros mesmo temerosos de achegarse á terra e á paca, finalmente todos o pasaron estupendamente aproveitando o sol e o tempo primaveral.
