O Pazo da Cultura de Carballo acolle este xoves 17 a mostra aberta da ‘Residencia Paraíso’

O pasado mes de xullo, o artista interdisciplinar José Ramón Hernández (Palma Soriano, Cuba, 1988), fundador e director artístico de Osikán – vivero de creación, iniciaba en Carballo a súa andaina na oitava edición das Residencias Paraíso, un programa anual de residencias artísticas para a danza e as artes vivas pioneiro no noso territorio, promovido polo Colectivo RPM. E o facía no Pazo da Cultura, do 18 ao 30 de xullo, en torno á súa proposta titulada Eyilá ashé ebbora - archivo vivo de la resistencia, un proxecto de creación escénica que explora a espiritualidade como potencia política para a transformación social.
Agora, hoxe xoves, 17 de outubro, ás 20.00h, José Ramón Hernández ofrecerá unha mostra aberta do seu traballo en proceso, que terá lugar no Salón de Actos do Pazo da Cultura, no marco da 33ª edición do Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o FIOT, con acceso libre ata completar a capacidade da sala.