O pequeno poni, a proposta do FIOT para reflexionar reflexión sobre a liberdade, a homofobia, os prexuízos sociais e o acoso escolar
O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo acollerá este venres, 13 de outubro, ás 21.00 horas, a estrea absoluta do espectáculo O pequeno poni, da compañía Redrum Teatro a partir dun texto asinado polo dramaturgo Paco Bezerra.
A obra expón un conflito social de actualidade e moitas veces silenciado, como é o ataque ao diferente e o acoso escolar, unha dolorosa realidade na que viven atrapados cada vez máis nenos e nenas de todo o mundo.
A montaxe, dirixida e adaptada por Alex Sampayo, está protagonizada por Guillermo Carbajo e Laura Míguez, quen participaron, esta mañá, na presentación do espectáculo, que tivo lugar no Salón de Actos do Pazo da Cultura carballés. O elenco estivo acompañado polo director do FIOT, Alberto Sueiro; o director da Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia (Agadic), Jacobo Sutil; a concelleira de Cultura da localidade bergantiñá, Maruxa Suárez; e o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero.
O pequeno poni
Xaime (Guillermo Carbajo) e Irene (Laura Míguez) conforman unha parella cun fillo de nove anos, Luismi, quen vai á escola cunha mochila da súa serie de debuxos animados preferida: O meu pequeno poni. Algo inocente que esperta as mofas, vexacións e a violencia máis brutal dos seus compañeiros. A incomprensión, as dúbidas e a frustración que afronta a parella, xunto á pasividade, aos prexuízos e mesmo á culpabilización da vítima coas que opera o sistema educativo, constitúen os piares nos que se sustenta a obra, unha peza que leva a escena un retrato necesario sobre o acoso escolar, o enorme sufrimento que se deriva del e as súas consecuencias, tanto individuais coma colectivas.
Paco Bezerra escribiu este texto no 2016 a raíz de diferentes novas dos Estados Unidos que coñeceu a través dos medios. Concretamente, céntrase no caso de Grayson Bruce, un neno de 9 anos de Carolina do Norte que acudiu á escola cunha mochila da serie nomeada anteriormente. Mais Grayson nunca chegou a sentar no pupitre por mor dos ataques físicos e verbais dos seus compañeiros. Neste caso, a dirección do colexio optou por culpabilizar ao menor agredido e acusouno de “disrupción na aula”.
Encontro con Paco Bezerra, Alex Sampayo e Guillermo Carbajo na ‘Escola do espectador nas ondas’
Para todas aquelas persoas que queiran afondar tanto no texto coma na montaxe de Redrum Teatro, o Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo propón unha nova sesión da Escola do espectador nas ondas, que terá lugar o sábado 14, ás 17.00 horas, no Dubra Café. A cita, de acceso libre, contará coa participación do director de O pequeno poni, Alex Sampayo, do actor Guillermo Carbajo e do dramaturgo Paco Bezerra. O podcast estará dispoñible na sección de OndaFIOT no espazo web www.fiot.gal.
Entrega do premio Xograresa de Outono
Por outra banda, o mesmo venres 13, contra as 22.15 horas, unha vez finalice a función de O pequeno poni, o FIOT de Carballo entregará o galardón Xograresa de Outono 2023 a Ana Romaní. A xornalista, Premio Nacional de Periodismo Cultural 20218, súmase así á comunidade de honra do FIOT, que congrega ás e aos profesionais imprescindibles para o desenvolvemento das artes escénicas do país.
AXENDA #FIOT32 | DO 11 AO 15 DE OUTUBRO
Xoves 12, 18.00 e 20.30 horas. Pazo da Cultura
Ma solitud, de Guillem Albà | Estrea en Galicia
Xoves 12, 19.00 horas. Centro social de Oza
Solo, de Roi Borrallas
Venres 13, 17.30 horas. Pazo da Cultura
Gernika (Danos colaterais), de Os monicreques de Kukas
Venres 13, 21.00 horas. Pazo da Cultura*
O pequeno poni, de Redrum Teatro | Estrea absoluta
* Ao finalizar a función, terá lugar a entrega do galardón Xograresa de Outono 2023 a Ana Romaní
Sábado 14, 12.00, 13.00, 18.00 e 19.00 horas. Crúa María Barca. Taller de olería
Ananaké? Edipo en 15 minutos, de Contraditoria Compañía | Estrea absoluta
Sábado 14, 12.00, 13.00, 18.00 e 19.00 horas. Pista skate (Rego da Balsa)
O que é o raio, nin maldita idea, de Souvenir
Sábado 14, 17.00 horas. Dubra Café
Escola do espectador nas ondas. Con Alex Sampayo (director de Redrum Teatro), Guillermo Carbajo (actor de O pequeno Poni) e Paco Bezerra, Premio Nacional de Literatura Dramática 2009.
Sábado 14, 20.30 horas. Pazo da Cultura
Sexpiertos, de Tanttaka Teatroa
Domingo 15, 20.30 horas. Pazo da Cultura
El traje, con Javier Gutiérrez e Luis Bermejo