Sábado. 27.07.2024
El tiempo

O San Xoán carballés, afectado pola folga do persoal da recollida de lixo

Juan Antonio Rivero e Martín Caamaño
Juan Antonio Rivero, delegado de persoal na UTE Carballo, e Martín Caamaño, secretario da Unión Local da CIG de Carballo.
O San Xoán carballés, afectado pola folga do persoal da recollida de lixo

"Non nos queda outra saída". Así se amosaron os representantes da CIG esta mañá ao anunciar a folga dos traballadores e as traballadoras da recollida do lixo do Concello de Carballo, coincidindo coas festas do San Xoán. Unha folga, que afectará ao servizo de recollida de lixo, á canceira e ao punto limpo (os tres servizos que xestiona), que chega "en resposta ao bloqueo da negociación do convenio colectivo por parte da empresa concesionaria" (unha UTE integrada por Urbaser SA e Servicios Gallegos de Lacería SL), segundo sinalaron.
"Non é a nosa intención molestar a cidadanía durante a celebración das festas, pero ante o bloqueo da empresa non nos queda outra saída que convocar folga e mobilizarnos en defensa dunhas condicións salariais e laborais dignas", apuntaron.

Os representantes da CIG lembraron que veñen de rexeitar as propostas económicas de miseria trasladadas pola empresa, que apenas se moveu un 0,5% dende o inicio das negociacións.

As xornadas de folga desenvolveranse das 22:30 horas do domingo 16 de xuño ás 15 horas do luns 17 de xuño; os días 20 e 21 na mesma franxa horaria; e dende ás 22:30 horas do domingo 23 até ás 13:05 horas do martes 25 de xuño.

Salarios no SMI

A día de hoxe os traballadores están cobrando o salario mínimo interprofesional, e a empresa presentou unhas táboas nas que os soldos no ano 2024 quedarían pouco máis de 20 euros mensuais por enriba do SMI. Consideran un "raquítico" incremento de entre o 1,7% e o 2% para os seguintes anos de vixencia do convenio (2025 e 2026).

Pero ademais, UTE Carballo rexeita a demanda de estabelecer un complemento de IT do 100% no caso das baixas por accidente e nas continxencias comúns. "E iso malia tratarse dun sector de especial perigosidade e penosidade por traballar a quendas, ao aire libre e sometido a un altos índices de toxicidade", denuncian.

O persoal reclama "unha suba xusta que aproxime os seus salarios aos que xa perciben os compañeiros e compañeiras deste sector en concellos de características similares a Carballo; que se garanta que todas as categorías están por enriba dos incrementos do SMI; e incluír no convenio unha cláusula de revisión salarial referenciada ao IPC real".

Os responsables sindicais fixeron "un chamamento ao Concello de Carballo para que respecte o exercicio do dereito fundamental á folga e non decrete uns servizos mínimos abusivos que deixen sen efecto a convocatoria".

Comentarios