Dous alumnos do IES de Ponteceso volven con medallas do Galiciaskills 2025 de FP
Foi o único centro da Costa da Morte que presentou varias candidaturas ao campionato GaliciaSkills 2025, esa olimpiada da FP galega, que este xoves 30 de outubro se celebrou no no recinto da Feira Internacional de Galicia ABANCA, en Silleda.
5 dos máis de 200 alumnos participantes neste “campionato” escolar chegaban dende o IES Eduardo Pondal de Ponteceso. E dous, volveron con premio.
Helena Vázquez Espasandín acadou a Medalla de ouro en Atención sociosanitaria.
Ademais, Luís Guillermo González-Botas Lago levou a Medalla de prata e Pintura do Automóbil.
Tamén participaron Alberto Vieites por Tecnoloxía do automóbil, Brais Docampo por Tecnoloxía do vehículo industrial e agrícola, Aarón Pérez por Carrozaría.
Os titores destes participantes foron, respectivamente, Marcos López, Manuel García, Miguel Trashorras, Esteban Trigo e Eva Rodríguez, aínda que todos coinciden en que o mérito é compartido. “Nós fomos os titores, pero toda a familia de FP estivo implicada. Foi algo coral”, sinalan. “É unha experiencia esixente pero moi reconfortante, porque aprenden moitísimo, non só do oficio, senón tamén da convivencia e do compañeirismo.”
Durante o martes e o mércores tiveron lugar as probas, nas que o alumnado do Pondal deixou o listón ben alto. Helena Vázquez proclamouse campioa galega de Atención Sociosanitaria, conseguindo o ouro, o que a levará a competir no SpainSkills, mentres que Luis Guillermo González-Botas acadou a prata en Pintura. O resto de participantes, aínda que non subiron ao podio, coinciden en destacar “o moito aprendido e o ben que o pasaron”.
Helena amosouse emocionada: “Este logro non é individual; é de todo o equipo e das docentes que me formaron. Os coidados van máis alá dunha técnica: son escoitar, acompañar e poñer a humanidade no centro de cada acción. Gustaríame que esta experiencia servise para visibilizar e dignificar este labor, e inspirar unha sociedade máis xusta e solidaria.” Tamén quixo subliñar o valor da convivencia: “O mellor foi compartir estes días con xente doutros centros e tamén cos meus compañeiros, cos que apenas coincidía antes e cos que conxeniei moito.”
Pola súa parte, Guille González-Botas cóntanos: “Foi unha experiencia espectacular. Estou moi contento de ter participado e orgulloso do traballo realizado. Sempre hai marxe de mellora, pero estou moi satisfeito. Todo resultou máis levadeiro e divertido grazas ao traballo dos profesores que hai detrás, no meu caso o meu titor Marcos e Esteban como organizador, que deron o 100% para que chegase o mellor preparado posible.”
O estudante quixo destacar tamén o espírito de compañeirismo vivido durante a competición: “Fixen moi boa amizade cos rapaces cos que competía. Ser rivais non está reñido co compañeirismo. Lévome un bo sabor de boca: coñecín aos mellores profesionais do sector, traballei con ferramentas e produtos de primeiro nivel, aprendín a xestionar a presión e a ver outras formas de traballar. Repetiría sen dubidalo; paréceme un escaparate enorme que che fai ver máis alá das aulas e do traballo diario.”
A directora do centro, Clara Regueira, asistiu á gala e non podía ocultar o seu orgullo: “Estou moi contenta, non só polas medallas, senón pola alta participación dun instituto do rural. Preparar estas probas require moitas horas, desprazamentos e esforzo tanto do profesorado coma do alumnado. Cada estudante contou cun titor moi implicado, e iso nótase no resultado.”
A experiencia, aseguran todos, foi intensa, enriquecedora e chea de aprendizaxes que van máis alá das aulas. O IES Eduardo Pondal volve a casa con medallas, pero sobre todo cun recordo compartido de esforzo, amizade e orgullo colectivo.







