O pleno carballés pide a Xunta que asuma a xestión e o custo do Conservatorio Profesional de Música
- O pleno deixou pendente a proposta de Costas do Estado para actuar en Razo e Baldaio que afecta directamente ao campo.

A pesar do voto en contra do PP, o pleno aprobou unha moción do PSOE sobre o Conservatorio Profesional de Música, un servizo supracomarcal cuxo custo é asumido case integramente polo Concello de Carballo. O acordo, que recolle integramente as reivindicacións da comunidade educativa, foi adoptado cos votos en contra dos cinco concelleiros do PP.
Explicaron que os gastos do CMP superan o medio millón de euros, cando as achegas da Xunta e Deputación non chegan aos 150.000 euros.
Ademais de solicitar á Xunta que asuma os gastos e a xestión, piden que colabore na substitución ou cobertura de prazas vacantes do persoal docente; que cree unha rede de conservatorios profesionais de música, agrupando os centros por comarcas; e que escoite as direccións dos centros e as comunidades educativas e os Concellos para avanzar no obxectivo de que pasen a ser Conservatorios da Xunta de Galiza.
Ademais, esixen á Xunta que asigne partida inicial suficiente para apoio aos centros no orzamento 2025.
Razo
O rexeitamento de PSOE e PP á proposta da Demarcación de Costas para que o Concello de Carballo asuma o mantemento das actuacións en Razo e Baldaio incluídas no proxecto de loita contra a erosión na costa, provocaron que o grupo de goberno decidise non sacar adiante a votación sobre a moción. Así, queda pendente a negociación coa Demarcación de Costas para intentar solucionar a situación na que quedaría o campo de fútbol, un dos puntos polémicos.
Varios veciños e usuarios do campo de Razo, estiveron presentes, e veron como centraba o debate plenario. Un campo que para o grupo de goberno "é unha infraestrutura abocada á desaparición desde hai anos, e que tras a retirada do peche perimetral non podería usarse para competicións oficiais". A realidade é que a colocación de dúas pasarelas de madeira do noo proxecto provocará a demolición do cerramento do campo de fútbol
Con todo, o goberno municipal ten o compromiso de buscar unha alternativa para os equipos que o utilizan, á espera da construción dun novo campo, como está previsto no plan especial de Razo.
As obras en Baldaio implicarían a colocación de pilotes con corda para evitar o paso peonil ao sistema de dunas e apertura dun novo sendeiro para evitar danar a cuberta vexetal, peche do resto das sendas para evitar o tránsito peonil polo sistema de dunas, revexetación das zonas máis degradadas plantando especies de dunas e captadores de area e colocación de cartelaría informativa.