Domingo. 06.10.2024
El tiempo

Prima Facie, con Vicky Luengo, gaña o Premio do Público do FIOT

  • Repasamos as cifras do FIOT: Máis de 14.000 persoas disfrutaron do programa máis completo de Galicia
Prima Facie 2 © Vanessa Rábade
Prima Facie © Vanessa Rábade
Prima Facie, con Vicky Luengo, gaña o Premio do Público do FIOT

O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo despide a súa 32ª edición dando conta do Premio do Público 2023. Prima Facie, de Producciones Teatrales Contemporáneas, cuxa estrea en Galicia tivo lugar no FIOT32, foi recoñecido polas e polos asistentes como a proposta máis salientable deste ano, acadando unha puntuación total de 4,75 sobre 5 puntos. A peza, un texto asinado por Suzie Miller e dirixido polo peruano Juan Carlos Fisher, conta coa actriz Vicky Luengo como protagonista absoluta. 

Alén de Prima Facie, tamén obtivo unha puntuación notable Apaga o candil, a coprodución do FIOT coa Compañía Contraproducións sobre o narrador oral Carlos Díaz ‘O Xestal’, que logo da súa estrea absoluta en Carballo inicia o seu percorrido por Galicia; así como La comedia de los errores, producida polo Festival de Teatro Clásico de Mérida e Mixtolobo, peza que, baixo a dirección de Andrés Lima, Premio Nacional de Teatro 2019, pechou o Programa de sala desta edición.
Precisamente esta liña de programación do FIOT acadou este outono a puntuación máis alta da súa historia, ao obter 4,49 puntos sobre os 5 posibles. 

Micro-Escenas

Ademais de dar a coñecer o Premio do Público 2023, o FIOT tamén dá a coñecer os galardóns do Certame de Micro-Escenas Metro Cadrado. Neste caso, O mundo derrúbase e nós tomamos chocolate, da Compañía Accidental, foi o espectáculo mellor valorado polo público, cun 4,63 sobre 5. No eido interpretativo, Carlota Mosquera fíxose co galardón á Mellor Interpretación ao obter un 4,89 sobre 5 polo seu traballo en Ninguén tira fotos nos enterros.

Máis de 14.500 asistentes

O Festival Internacional Outono de Teatro 2023 obtivo, ademais, unha excelente resposta por parte do público: máis de 14.000 persoas -de diversas procedencias e idades, tanto da comarca coma doutros puntos de Galicia- asistiron ás funcións ou ás actividades paralelas programadas ao longo desta 32ª edición, celebrada entre o 28 de setembro e o 31 de outubro. Entre elas, ademais, houbo unha importante presenza de profesionais do sector escénico que, un ano mais, acudiu a Carballo. Os 39 espectáculos programados no #FIOT32, que se representaron en 62 funcións (nos ciclos Programa de Sala, OTNI, Rúa dos Contos, Teatro de Rúa, FIOT en Ruta, Certame de Micro-Escenas Metro Cadrado, Fiotiño, Fioteen), contaron con 7.137 espectadores. sumando así unha ocupación do 93,19% sobre o total posible no programa de exhibición.

A programación escénica, ademais, completouse con máis de 20 actividades paralelas organizadas polo FIOT ou coa colaboración doutros axentes, nas que participaron máis de 7.480 persoas. É o caso da exposición sobre Carlos Díaz ‘O Xestal’, das xornadas profesionais, das accións teatrais en institutos da comarca da man de Galetatro, do Concurso Escolar de Teatro Lido ‘Xosé Manuel Eirís’, da entrega do galardón Xograresa de Outono a Ana Romaní, das sesións de formación da Escola do Espectador nas Ondas, da proxección do documental Hay alguien en el bosque, das emisións ao vivo e gravacións con público de RTVE desde o Pazo da Cultura, do Zoom FIOT (tanto da mostra sobre a iniciativa no 2022, coma a edición deste 2023), do programa do voluntariado ou mesmo dunha ruta  dramatizada de sendeirismo polo espazo vital de O Xestal, que contou con membros da Aula Municipal de Teatro. Todas elas conformaron unha ampla programación paralela que, novamente, deu conta do interese do FIOT pola creación de públicos e da consolidación do seu compromiso pola creación de teatro.

Comentarios