Domingo. 28.04.2024
El tiempo

O programa Apego xa ten preparadas as novas actividades para os próximos meses

medrando-con-apego-carballo-2024
O programa Apego xa ten preparadas as novas actividades para os próximos meses

Máis de 350 familias de Carballos con nenos e nenas de cero a seis anos xa forman parte do programa Apego co que se trata de facilitar a socialización en galego dos nenos e nenas, achegando ás familias tanto materiais físicos e virtuais
como actividades formativas e informativas, sempre lúdicas.

O Concello de Carballo vén de dar a coñecer as actividades preparadas para estes primeiros meses do ano en coordinación con varias áreas municipais. Precisamente o mércores pasado celebrouse no mercado municipal tres sesións de Contos miudiños, con Marisa Irimia, nas que participaron máis de cincuenta familias, e para o día 21 hai preparado un obradoiro con Sara Varela para que ensine os diferentes recursos de apego para que as familias podan poñer en práctica nas súas casas.

Ata o mes de xuño vanse desenvolver actividades moi diferentes, desde espectáculos de teatro, contos e música adaptados a diferentes tramos de idade ata obradoiros de olaría, saúde bucodental, baile e canto tradicional ou masaxe para bebés. As citas son sempre en mércores e, na súa maior parte, no mercado municipal. Pero tamén hai programadas actividades ao aire libre, como a celebración do Día Mundial do Medio Ambiente cun percorrido polos xardíns municipais guiados pola
enxeñeira técnica agrícola e paisaxista Carmen Alonso.

O proxecto Apego, que empezou a camiñar no ano 2015, conta nestes momentos con máis de 350 familias no concello de Carballo. E todas as que queiran sumarse non teñen máis que achegarse ata a casa do concello e poñerse en contacto coa técnica do Servizo de Normalización Lingüística, Carme Pereiro. Ao longo destes nove anos, o programa recibiu recoñecementos tan importantes como o Premio Rosalía de Castro ou o Premio da Cultura Galega. Os 30 concellos adheridos agrupan a máis da metade da poboación galega.

Comentarios