O proxecto Novemares reflexiona sobre as romarías e os deportes do noso mar
Xa está o proxecto NoveMares en marcha. A Fundación Eduardo Pondal, a través do GALP Costa da Morte, puxo en marcha esta iniciativa que trata de repensar a “A Cultura do Mar na Costa da Morte”. Xa artellou dúas xornadas en Caión e no Couto sobre as romarías do noso litoral, e prepara unha nova xornada de debate.
Este sábado 9 de marzo, a nova sesión de 10.30 a 12.30h terá lugar no Náutico de Razo, en Carballo, e servirá para afondar sobre os Deportes no Mar. Coa axuda de profesionais de deportes acuáticos habituais na contorna (o surf carballés é potencia mundial), a xornada servirá para reflexionar sobre o impacto do deporte na nosa costa, así como as liñas de traballo presentes e futuras para dinamizar a actividade no territorio, e poñer en valor a cultura do mar perseguindo un desenvolvemento azul sostible da Costa da Morte.
O sábado seguinte, día 16, porán en común as conclusións tiradas desta xornada nas instalacións da Fundación Eduardo Pondal no Couto (Ponteceso).
Non é obrigatório confirmar a tua asistencia, pero invitan a inscribirse en www.novemares.gal para unha mellor organización da Xornada.