Venres. 26.04.2024
El tiempo

O PSOE carballés propón un plan para reducir a fenda dixital no ensino

  • Tamén propón establecer un proxecto piloto de reciclaxe de cápsulas de café
residuos-cápsulas-de-café
O PSOE carballés propón un plan para reducir a fenda dixital no ensino

O PSOE carballés vai presentar dúas mocións no vindeiro pleno. A primeira vai enfocada á fenda dixital, esa barreira que supoñen as novas tecnoloxías para todo tipo de idades, que se abriu moitísimo dende que comezou a pandemia. A petición de citas previas, e utilización de códigos, o traballo e a formación telemática, as videoconferencias…

Dende o PSOE consideran que non se tratou a fondo a situación no ensino, onde moitas familias tiveron problemas. As cifras dan conta de que 14% dos fogares con menores non teñen ordenador ou portátil, esa cifra elévase ata alcanzar o 30% en fogares de familias pobres.

Por todo isto, presentarán unha moción para que o Concello de Carballo “multiplique as iniciativas para reducir a fenda dixital e de aprendizaxe, no marco das súas competencias autonómicas, que axude a superar as desigualdades existentes garantindo a equidade e calidade do noso sistema educativo, asegurando a continuidade educativa a distancia do noso alumnado para que siga aprendendo nas mellores condicións posibles”. Para iso piden que “o Concello de Carballo estableza un protocolo que prevexa para o caso en que unha nova situación que derive na obrigatoriedade de estudo en liña a repartición de tablets, material informático necesario e tarxetas de acceso a internet a aquelas familias que non teñan acceso para facilitar a formación en liña aos alumnos/as do noso municipio. Tamén a distribución de bonos/vales trocables para a impresión de material educativo nas diversas reprografías do noso municipio entre alumnos/as do noso Concello con dificultade de acceso a elo”.

Reciclaxe de cápsulas de cafe

Paralelamente o grupo socialista pensa nun proxecto pioneiro que encaixa perfectamente coa política de reciclaxe do concello. Pon o exemplo de San Sebastián, cidadeque leva dende 2019 reciclando, por exemplo, 458.380 cápsulas nos primeiros 6 meses. Así, e aproveitando a nova Lei de Residuos e Chans Contaminados propoñen “a implantación dun proxecto piloto de reciclaxe de cápsulas de café no Concello de Carballo”, así como “o deseño e a posta en marcha de campañas de concienciación dirixidas á cidadanía sobre a importancia da reciclaxe das cápsulas de café”.

Comentarios