Queremos Galego Bergantiños organiza unha Ruada das Letras polo 17 de maio
Ademais do programa municipal polas Letras Galegas, A Mesa pola normalización lingüística organiza outro evento singular en Carballo: unha Ruada.
Así o anunciou a Mesa Pola Normalización Lingüística de Bergantiños, que esta semana presentou o programa da xornada das Letras no Casino de Carballo, onde tamén se celebrará esa Ruada das Letras o 17 de maio a partir das 20:00h.
Carlos Vieito, en representación da Mesa a nivel galego e Hadrián García, responsable da comarca de Bergantiños, denunciaron que se segue sen cumplir os acordos de normalización e que por exemplo o ensino segue sendo axente castelanizador, provocando que a rapazada de menos de 14 anos xa non teña o galego como lingua vehicular en case ningunha parte do país.
O 17, a xornada no Casino arrincará ás 20:00 horas cun coloquio sobre a homenaxeada deste ano, Luísa Villalta e rematará cunha ruada aberta para toda persoa que queira participar.
Vieito lembrou que a plataforma Queremos galego convoca ás 12 da mañá dese mesmo 17 de maio, na Alameda de Santiago de Compostela, unha manifestación para a que haberá servizo de autobuses, que podedes ver en www.queremosgalego.gal.