![curso-promocion-economica-carballo]()
Mario Szabat é o encargado de impartir o curso organizado pola concellaría de Promoción Económica de Carballo
Quince profesionais participan no último curso de comercio organizado pola concellaría de Promoción Económica, unha iniciativa absolutamente innovadora tanto polo seu desenvolvemento, xa que a formación é personalizada e adaptada ás necesidades de cada establecemento, como polo feito de que as sesións formativas se desenvolvan nas propias tendas. O obxectivo é seguir achegando ao sector as ferramentas precisas para mellorar a súa competitividade e que Carballo siga sendo unha vila de referencia polo seu comercio.
Mario Szabat, un profesional de recoñecida experiencia, ten o cometido de ofrecer a formación presencial e orientada a cada comercio segundo as súas necesidades. “Uns necesitan unhas estratexias e outros, outras”, sinala. Deste xeito, nuns casos trabállase máis o produto e noutros o sistema de compras, a implantación da tenda ou o escaparate. Pero en todos os casos a actividade formativa inclúe un estudo da contorna, da competencia, os clientes, o negocio e o seu funcionamento. A partir de aí elabórase unha estratexia global en función das necesidades do/da comerciante, definindo pautas a seguir e a súa posta en marcha. E a posteriori realizarase unha análise da evolución e dos resultados acadados.
Despois de traballar con 11 establecementos, Mario Szabat visitará os 4 locais restantes tras as vacacións de Semana Santa. Dende o seu punto de vista, o comercio carballés mellorou nos últimos anos, e precisamente o obxectivo deste tipo de iniciativas é que se siga actualizando. Entre as ferramentas que a concellaría de Promoción Económica pon a disposición do sector tamén figura o
selo Carballo Compromiso Calidade, que está en fase de implantación.
Novas relacionadas
Fonte
- Redacción QPC (info@quepasanacosta.com)
- Concello de Carballo