Venres. 26.04.2024
El tiempo

Recollidos máis de 1.200 litros de aceite usado nos novos colectores de Carballo

Recollidos máis de 1.200 litros de aceite usado nos novos colectores de Carballo
colector-aceite-usado-carballo Os colectores están situados nas vías públicas do casco urbano de Carballo e dalgunhas parroquias Durante o pasado mes de agosto, o concello de Carballo recolliu nos 21 puntos de recollida distribuídos polo casco urbano e algunhas parroquias un total de 1.240 litros de aceites de cociña que, no caso de que se foran polos sumidoiros suporían a contaminación de 1.364.000 litros de auga. O dato demostra que cada vez é maior a sensibilización da cidadanía con respecto á xestión axeitada dos residuos. Unha das vantaxes deste novo sistema é que os colectores están situados na vía pública, o que permite que poidan ser utilizados os 365 días do ano e as 24 horas do día. Os emprazamentos concretos dos contedores son os seguintes: Razo (fronte ao Cordobés), Pedra do Sal (Noicela), Berdillo (xunto á igrexa), rúa Xosé Manuel Eirís esquina Avenida de Bértoa (xunto aos supermercados), Avenida do Ambulatorio, rúa Baixa (zona centro comercial), Álvaro Cunqueiro (fronte á piscina), Perú (esquina rúa Estrela), Coruña (cruce con Desiderio Varela), nas dúas entradas do Mercado Municipal pola Gran Vía e pola Praza do Concello, Gran Vía esquina Rosalía de Castro, Vila de Ordes no cruce con Vila de Noia, Avenida de Bergantiños esquina Vila de Laxe, Avenida da Milagrosa (rotonda), Avenida de Fisterra (zona da ponte de Isabel II), Rúa Ponte esquina Vitoria, Praza da Cruz Vermella, Fórum Carballo e Rúa Papoula. Todos, agás o da Gran Vía con Rosalía de Castro, foron utilizados en maior ou menor medida durante o mes de agosto. Fogares e profesionais O obxectivo das concellarías de Medio Ambiente e Obras e Servizos traballan para estender o servizo en función da demanda. A recollida nos novos colectores vai dirixida aos fogares. As familias deben depositar o aceite de cociña usado en botellas de plástico reutilizadas e pechadas. Para facilitar o depósito, desde o concello de Carballo ofrece  á veciñanza funís adaptables ás botellas que poden solicitarse, de balde e ata fin de existencias, tanto na Casa do Concello (departamento de Medio Ambiente) coma na oficina da empresa concesionaria do servizo de recollida de residuos sólidos urbanos, UTE Carballo (galerías da rúa Desiderio Varela, 34 – Local 15). Para grandes consumidores profesionais, desde o concello de Carballo ofrécese a posibilidade de participar cun sistema de recollida individualizado. As empresas e/ou establecementos de restauración que teñan interese en participar poden poñerse en contacto con Carballo Limpo chamando ao 981 74 917 ou a través da web www.carballolimpo.com. Novas relacionadas https://quepasanacosta.gal/carballo-sumase-a-recollida-de-aceites-usados-coa-instalacion-de-20-colectores/ Fonte

Comentarios