A Rede de Decrecemento de Carballo celebra unha xornada completa de portas abertas
O 12 de Xaneiro, día do nacemento do economista francés Serge Latouche, festéxase o Día Internacional polo Decrecento, que propón adoptar un estilo de vida máis sostible e equilibrado, reducindo a produción e o consumo, priorizando a calidade de vida, a xustiza social e a preservación dos ecosistemas.
Para festexalo, a Rede de Decrecemento de Carballo e comarca, que forman tanto persoas pertencentes á directiva coma socias do Casino, e que fai parte da Rede de Decrecemento do Eo-Navia, Galiza e O Bierzo, organiza este sábado 11, no Casino1889 de Carballo, unha xornada cun completísimo programa que vai dende as 11:00 da mañá ate ás 18:00 e que inclúe feira artesá, palestras e talleres sobre Decrecemento na que participarán conferenciantes de primeiro nivel, tanto de país coma de Estado e mesmo internacional, no ámbito do Decrecemento.
Ademais a xornada servirá para distribuir en formato físico, o fanzine "O Caracol" que xa fora presentado o pasado 31 de novembro, e do que intentaremos traer a QPC algún artigo. Haberá xantar comunitario no que cadaquén pode traer os seus petiscos para partillar e música ao vivo coas cantareiras Lagháchema. "Unha xornada de debate, aprendizaxe e diversión, tecendo rede e facendo comunidade", explican dende a Ree.
Programa
Os horarios e actividades serán as seguintes:
- 11:00h - Inicio da Feira de Artesanía
- 12:00h - Palestra: "Crise ecosocial e alternativa ecofeminista" con María Castelo e Begoña de Bernardo
- 14:00h - Sesión vermú co grupo Lagháchema
- 15:00h - Xantar comunitario
- 16:00h - Obradoiro: "Imaxinando un 2055 decrecentista" con Joam Evans
- 18:00h - Peche da xornada