Os Socialistas de Carballo piden unha comisaría da Policía Nacional
Os socialistas de Carballo levarán ao pleno municipal do próximo luns, 25 de novembro, unha moción na que “instamos ao goberno municipal a demandar ao Ministerio do Interior a posta en marcha dunha comisaría da Policía Nacional no concello”.
Carballo conta cunha oficina administrativa da Policía Nacional, “pero non ten unha comisaría, que consideramos moi necesaria para a mellora da seguridade cidadán, máis aínda despois dos recentes incidentes violentos que ocurriron no noso concello”, sostén o PSOE.
“A Garda Civil e a Policía Local fan un gran traballo pero a preocupación pola seguridade cidadán vai en aumento en Carballo, os veciños e veciñas demandan un reforzo que debe vir na área urbana da man da Policía Nacional”, engaden os socialistas.
O grupo municipal do PSOE subliña que “outros concellos como Viveiro ou Ribeira contan cunha comisaría de Policía Nacional que traballa en colaboración coa Garda Civil e Policía Local, polo que é unha demanda xusta para Carballo”.