O surf invade Razo na Edommo Junior Pro Razo

Arrincou hoxe a Edommo Junior Pro Razo, unha proba estatal que volve situar a praia carballesa no panorama estatal do surf. Esta proba é unha das tres da World Surf League que se celebra en España (as tres na provincia da Coruña), que traerá ás grandes promesas do surf ata o este sábado 27.
Así o debullaron na presentación na que participou o vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, unha vez que a área de turismo da Deputación financia cun investimento de 310.000€, xunto ao Gadis Longboard Festival Ferrol e o Abanca Pantín Classic Galicia Pro.
“O traballo conxunto das administracións autonómicas e locais e o sector empresarial, como neste caso, é unha moi boa nova, pois garante o éxito de iniciativas como esta que nos permiten afrontar retos tan importantes no ámbito turístico” sinalou Regueira. “O surf representa unha oportunidade para alongar a tempada turística e é tamén sinónimo de sostibilidade e coidado da contorna”. “Ademais”, engadiu, “esta proba promove valores tan relevantes, máis aló do deporte, como a universabilidade do deporte, a sensibilización social e a inclusión, atraendo a persoas con capacidades diferentes e potenciando a accesibilidade”.
O vicepresidente salientou “todo o que supón” o surf para o turismo: “unha oportunidade para facer un turismo máis sostible e para captar a un perfil de turista internacional, consciente e respetuoso co territorio”. Neste sentido, sinalou que esta “alianza que se materializa non so nestas tres probas, senón en todas as accións que desenvolvemos á hora de conservar espazos naturais” é “un bo exemplo da estratexia turística que defendemos dende a Deputación”.
Do 24 ao 27 de setembro a praia de Razo converterase, así, no punto de encontro do surf mundial do 24 ao 27 de setembro na quinta edición do EDOMMO JUNIOR PRO RAZO. Durante os días de competición, lévanse a cabo diversas actividades paralelas, e os asistentes poderán gozar dunha ampla variedade de actividades na zona de lecer como a rampla de Skate, zona de consumo, stands, obradoiros sostibles e espazo de conciliación con bautismos de surf e Skate. O evento é unha celebración do surf e da cultura local nunha das costas máis fermosas de Galicia.