Un veciño de Zas detido como por rasgar os neumáticos de 13 coches en Carballo para atacar á súa parella
- O que inicialmente parecía un acto de vandalismo indiscriminado resultou ser un ataque dirixido contra a súa exparella.
O pasado sábado amencían 13 coches da Avenida de Fisterra de Carballo coas rodas picadas. A Policía Local elevaba a denuncia á Garda Civil que comezaba a investigación.
Durante a instrución das dilixencias e a análise detallada dos danos, a Garda Civil constatou que mentres a maioría dos vehículos presentaban danos aleatorios, un deles tiña as catro rodas pinchadas. Este indicio de "especial ensañamento" fixo sospeitar aos investigadores de que non se trataba dun simple acto vandálico.
Tras identificar á propietaria do vehículo afectado, comprobouse que se trataba dunha vítima de violencia de xénero cunha orde de protección en vigor respecto á súa exparella.
Os axentes constataron a susposta autoría do acto de vandalismo e que as picadas se produciron dentro da área de exclusión fixada xudicialmente para protexer á vítima (menos de 150 metros do seu domicilio) , confirmando así o quebrantamento da orde de protección por violencia de xénero.
O detido, que xa conta con antecedentes policiais por delitos de violencia de xénero e quebrantamentos previos, utilizaría o ataque aos outros doce vehículos como unha manobra de distracción para camuflar o obxectivo principal do ataque: o coche da súa exparella.
O detido foi posto a disposición do Xulgado encargado de Violencia de Xénero do partido xudicial de Carballo.
