Luns. 07.10.2024
El tiempo

Vicky Luengo, Kulunka Teatro e Diego Anido, pratos fortes da axenda da cuarta fin de semana do FIOT

Diego Anido protagonista no FIOT con O Deus Pop-Foto-Carmen Trinares
Diego Anido protagonista no FIOT con O Deus Pop-Foto-Carmen Triñares
Vicky Luengo, Kulunka Teatro e Diego Anido, pratos fortes da axenda da cuarta fin de semana do FIOT

Continúa o 32º Festival Internacional Outono de Teatro facendo de Carballo a referencia da escena do estado neste mes de outubro. Faino cunha cuarta fin de semana, co compromiso social como principal argumento, abrindo adeais ás portas a xéneros e linguaxes diversas. 

A finde trae varios pratos fortes da edición: Vicky Luengo, co multipremiado texto de Suzie Miller Prima Facie;  a compañía vasca Kulunka Teatro e a súa nova creación, Forever; a última peza de Diego Anido (As Bestas, O Corno), que foi premiada con dous premios María Casares 2023; o regreso do mito de Iphixenia ao festival, entre outras propostas, serán algunhas das citas imprescindibles destes días.

A semana comezará o xoves 19 coa presentación, en Carballo, de O Deus do Pop, a quinta creación de Diego Anido, actor galego de plena actualidade polo seu éxito en filmes como As bestas (finalista nos Premios Goya e gañador do Premio da Unión de Actores ao actor revelación) ou a recente O corno (gañadora da Cuncha de Ouro en San Sebastián). Nesta proposta, e desde o humor absurdo e a tenrura, Diego Anido presenta unha autobiografía inventada, entre a Galicia dos 80 e unha estrela do pop americana. O texto, a danza a música e o clown conviven cunha depurada dramaturxia froito dun longo proceso de creación persoal, no que estivo acompañado por un amplo equipo (Víctor Duplá, Carmen Triñanes, Montse Pinheiro ou Guillermo Weickert, entre outros nomes), e cuxo traballo tanto en iluminación coma en movemento foi recoñecido con dous premios María Casares. O deus do pop, enmarcado no ciclo OTNI, presentarase no Auditorio do Pazo da Cultura o xoves 19, ás 21.00h.

O sábado 21 será a quenda de Kulunka Teatro. Baixo a dirección de Iñaki Rekarte (galardoado nos Premios Max 2023 polo seu traballo en Supernormales, e quen tamén asume a dramaturxia desta peza xunto cos intérpretes Garbiñe Insausti, José Dault e Edu Cárcamo), a compañía vasca regresa ao FIOT dando boa conta do seu virtuosismo coa linguaxe das máscaras. Combinando tenrura e crueza, Kulunka presenta Forever, unha fermosa e profunda traxicomedia, coproducida polo Centro Dramático Nacional, que reflicte con humor, ironía e emoción as contradiccións do amor. Forever pon o foco sobre cuestións como a maternidade, a educación, a sexualidade ou a violencia, e reflexiona ata onde a incomunicación pode arrastrar e afondar na dor dunha familia.

Outra das estreas en territorio galego, mais xa no marco da Rúa dos Contos, terá lugar na noite do mesmo sábado 21. Chegadas desde Euskadi, as mestras do humor Maribel Salas e Susana Soleto presentarán La maja y la mona (o vicecersa), creación que nace a partir de textos de Yolanda García Serrano. A partir das 23.00 horas, o mercado municipal vivirá unha catarse colectiva na que, desde a risa, o público reflexionará sobre a condición da muller na sociedade actual. A amizade, a hipocrisía, a imaxe estética ou o feminismo son algúns dos temas que aflorarán ao longo desta comedia áxil e de humor garantido.

Suzie Miller
Suzie Miller

O domingo 22 chegará un dos pratos fortes deste FIOT32: a estrea en Galicia do fenómeno escénico da tempada madrileña, Prima Facie. O director peruano Juan Carlos Fischer adapta o exitoso texto de Suzie Miller na versión en español deste texto, logo do seu grande éxito en Londres e Broadway. Unha adaptación na que sobresae a interpretación de Vicky Luengo, unha das actrices máis recoñecidas na actualidade, quen se pon na pel de Tessa, a brillante avogada a quen lle cambia a vida para sempre logo dun impactante acontecemento. A protagonista enfrentarase a todo aquilo no que máis cre para encontrar xustiza e sacar do camiño o que non lle permite ver e descubrir a verdade. Vertixinosa, intelixente e conmovedora, Prima Facie reta ao público a cuestionar os seus paradigmas. As entradas para a función, que comezará ás 20.30 horas, están xa esgotadas.

Polas parroquias

O domingo 22, ás 19.00 horas, o Centro Social de Sofán acollerá a representación Iphixenia na porta do super, da Compañía Humana. O mito de Iphixenia, adaptado ao galego a partir do texto do inglés Gary Owen -coñecido polo público do festival, quen outorgou o Premio do Público 2018 á peza Iphigenia en Vallecas, interpretada por aquel entón por María Hervás-, regresa así á súa programación, desta quenda da man do FIOT en Ruta, a liña do programa que leva as artes escénicas ás parroquias da comarca de Bergantiños.

AXENDA #FIOT32 | DO 19 AO 22 DE OUTUBRO
Todos os días, de 16.00 a 21.00 horas. Sala de exposicións do Pazo da Cultura (andar -1)
Vida e legado de Carlos ‘O Xestal’

Xoves 19, 20.30h. Pazo da Cultura (andar 0)
Foto cos participantes da exposición Zoom FIOT 2022, coa presenza da concelleira de Cultura, Maruxa Suárez, e o director do FIOT, Alberto Sueiro

Xoves 19, 21.00 horas. Auditorio do Pazo da Cultura
O deus do pop, de Diego Anido

Sábado 21, 12.00, 13.00, 18.00 e 19.00 horas. Balneario de Carballo
Ninguén tira fotos nos enterros, de Carlota Mosquera | Estrea absoluta

Sábado 21, 12.00, 13.00, 18.00 e 19.00 horas. Adega O’Lagar
DestilaPracer, de Espazo Vacío | Estrea absoluta

Sábado 21, 20.30 horas. Auditorio do Pazo da Cultura
Forever, de Kulunka Teatro | Estrea en Galicia

Sábado 21, 23.00 horas. Mercado municipal
La maja y la mona (o viceversa), de Maribel Salas e Susana Soleto | Estrea en Galicia

Domingo 22, 19.00 horas. Centro social de Sofán
Iphixenia na porta do súper, de Compañía Humana

Domingo 22, 20.30 horas. Pazo da Cultura
Prima Facie, de P. T. Contemporáneas | Estrea en Galicia

Comentarios