20 maiores de Carnota únense ao programa Xantar na Casa
Unha vintena de maiores, a maioría que viven sós, foron engadidos no programa da Xunta Xantar na Casa. Un servizo no que recibirán nos seus fogares a comida para todos os día da semana e do ano. O convenio foi asinado co Concello carnotán, que escolleu aos maiores a través dos Servizos Sociais municipais.
A comida repartirase nos domicilios nunha única entrega semanal para as sete xornadas, polo que os beneficiarios soamente deberán quentala antes de consumila. Ademais, a aquelas persoas que carezan de neveira ou microondas facilitaráselles os electrodomésticos necesarios para preservar estes alimentos.
O número de participantes no programa poderase ampliar se hai máis persoas interesadas que cumpran os requisitos. E xa hai na zona outros concellos adheridos como Muros ou Mazaricos, Cabana de Bergantiños, Camariñas, Carballo, Corcubión, Coristanco, Dumbría, Fisterra, A Laracha, Laxe, Malpica de Bergantiños, Muxía, Ponteceso, e Zas.