32 autónomos carnotáns repartiranse 45.500€ do PEL-Reactica
Serán 32 finalmente os autónomos/as e microempresas de Carnota que se beneficiarán das axudas do programa Pel- Reactiva 2020 da Deputación da Coruña. O ADL municipal corrobora que xa se están realizando os pagos das axudas para axudar para paliar as consecuencias económicas da pandemia no último ano.
As subvencións van dirixidas a negocios que tiveron que paralizar a súa actividade pola Covid ou que viron diminuída a súa facturación nun 75% con respecto ao semestre natural anterior á declaración do estado de alarma. Así, as axudas serven para sufragar gastos realizados entre marzo e decembro do ano pasado, ben sexa en materiais e subministracións vinculados directamente coas medidas de prevención contra o virus ou ben en alugueiro de locais, vehículos, maquinaria e instalacións, gastos en seguros ou subministracións.
Sobre un fondo total de 60.000 €, os beneficiarios/as da subvención xustificaron, segundo os gastos subvencionables recollidos nas bases da convocatoria, un total de 46.501,29 €, que se corresponde co 77,5% do total. Pero polo esgotamento do crédito inicialmente dispoñible, quedaron non estimadas 14 solicitudes acollidas ao grupo I (cese de actividade) e 2 solicitudes do grupo II (redución de facturación), que quedaron á espera de que se dote novo crédito dispoñible, para o seu recoñecemento como beneficiarios/as estimados e a súa notificación e posterior xustificación.