Martes. 05.11.2024
El tiempo

A Costa da Morte debate sobre a creación do Parque Natural Monte Pindo

A Costa da Morte debate sobre a creación do Parque Natural Monte Pindo
Grande aceptación da Costa da Morte á proposta da creación do Parque Natural Monte Pindo. A reacción dos poderes costeiros foi positiva excepto a reacción do alcalde carnotán, José Oreiro, que pedía que a proposta partise do pobo carnotán. O caso é que o Monte Pindo sobrepasa fronteiras, e en toda Galicia é tomado como un tesouro propio, un tesouro do país, e non só un tesouro comarcal. De feito, ADEGA, unha das entidades que elaborou o informe e realizou a petición, recibiu con moita alegría a reacción da bisbarra, como nos conta o propio Martiño Fiz, un dos seus responsables. Pero é que a idea de que pode ser unha "esperanza" para a Costa calou moi fondo na nosa sociedade, que pouco a pouco se decata que o turismo natural pode ser un verdadeiro motor económico.

Pros e contras

Con todo, sempre hai opinións de todo tipo. Algunha xente non entende que sexa unha entidade de fóra da bisbarra a que promova unha acción así. A idea de que "o futuro de Carnota é unicamente decisión dos carnotáns", como asegura o alcalde José Oreiro, parece algo superada, en tanto un tesouro como o Monte Pindo pertence a todos os habitantes da Costa da Morte, a todo os galegos e a todo aquel que queira disfrutalo. Tamén hai quen teme que a masificación acabe sendo un problema para a conservación do monte. Con todo, e queramos ou non, faise complicado pensar na masificación como un problema real. Critican tamén que estas medidas nunca inflúan na creación de postos de traballo. Pero equivócanse. A vixilancia do Parque, a creación dun futuro centro de interpretación, a creación de novos establecimentos hosteleiros, a creación de novas zonas gandeiras para a conservación do monte... son novas vías que de seguro crearán riqueza non entorno.

Información aos veciños

Xa están pensando, tando en Carnota como dende ADEGA, en comezar charlas informativas no Pindo e no resto de parroquias que estarían afectadas. Parroquias todas elas que saben o que é o patrimonio cultural e etnográfico, e non hai máis que ver as fermosas aldeas da Curra ou de Quilmas para decatarnos. Polo que semella que non van ter problema en adecuarse as normas do Parque. De feito, a primeira charla informativa, que repasaremos estes días, xa está convocada pola entidade Galiza Nova de Carnota, para este sábado 18 de setembro no Colexio do Pindo ás 18:00h da tarde. Participarán Nuria Pampín e Mario Maceiras por parte de Galiza Nova e Fins Eirexas e Martiño Fiz (o relatorda proposta) por parte de Adega.

A Xunta ten a palabra

A proposta que o grupo de investigadores, profesores universitarios e Adega, veñen de presentar no Observatorio Galego da Biodiversidade, agarda agora pola resposta. Unha resposta que só depende do criterio da Xunta de Galicia. Polo que será a Xunta quen declare ou non ao Monte Pindo como Parque Natural.

Grupo en Facebook

Xa son varios os grupos que andan pola rede para promocionar o Parque Natural Monet Pindo. Ademais do Grupo Na Defensa do Monte Pindo e do recén nado Yo quiero que el monte Pindo se declare parque natural , xa temos Grupo "oficial". Monte Pindo Parque Natural é o espazo oficial, que en menos dunha semana xa ten máis de 200 afiliados.

Máis información

Novas informativas

Novas relacionadas

Máis información

Fonte

  • Redacción de QPC ( [email protected]Este enderezo de correo-e está protexido contra spam bots, necesitas ter o Javascript activado para podelo ver ).

Comentarios