Venres. 19.04.2024
El tiempo

A neve visitou gran parte da Costa

A neve visitou gran parte da Costa
Neva na estación do Pindo E a meteoroloxía voltou sorprendernos unha vez máis. Apenas levamos dúas semanas da estación invernal pero as temperaturas xélidas, nalgúns casos con varios graos negativos, fixéronnos compaña na Costa nos últimos días de 2009. E xa que chegou un frío inusual faltábamos o outro ingrediente: a neve. E así foi. As prediccións dos meteorólogos cumpríronse e despois de que os Reis marcharan cara Oriente, para evitarlles problemas ás súas maxestades, a cota de neve baixou ata os 200 metros. Xa se agardaban folerpas moi preto das nosas vilas, nos puntos máis altos da bisbarra, como Mazaricos, pero onte a neve chegou ata o nivel do mar.

Dende hai 40 anos

Nevada en Corme Moitas vilas da Costa amenceron este xoves cubertas por un manto branco. Como por exemplo a zona de Corme Porto, onde coa estampa que vemos nas imaxes comezaban a mañá de onte. Segundo apunta o compañeiro da Radio Roncudo, Óscar Rey, as folerpas de neve caeron sobre a vila ó longo da madrugada e boa sorpresa a que recibiron tódolos veciños da vila á hora de erguerse. Din os máis veteráns que hai máis de 40 anos que en Corme non se vía unha estampa deste tipo, polo que moitas xentes da vila botáronse ás rúas para contemplar algo pouco habitual na nosa zona. Conscientes do excepcional do acontecemento, hai que non o pensou dúas veces e tirou de cámara de fotos para inmortalizar estes intres. Boa sorte a que correron os rapaces e as rapazas, pois ao non reanudarse o curso ata o luns, puideron desfrutar dunha xornada moi especial e aínda que non foron moreas, a neve aínda dou para que os máis novos que nunca a viran tan preto da casa, puideran coñecela ademáis de facer con ela algún xogo que outro. Non quedaron atrás na outra parte da ría, en Laxe, onde tamén amencían este xoves coa praia do casco urbán cuberta na súa totalidade pola neve. Lembranzas, xogos, fotografías,… pero non foi todo alegría nesta xornada polar en tódolos seus eidos, na Costa da Morte. I é que de volta a Corme, a mañá de onte xoves, tamén traía unha gran tormenta, que causou numerosos problemas en electrodomésticos e aparellos eléctricos en varias casas. Tamén se notou o caos na electricidade, pois a luz marchou en moitas partes da Costa ao mediodía incluso afectando á emisión da Radio Roncudo e da Radio Nordés Cadena Ser, na que o compañeiro Fran Hermida era silenciado durante un par de minutos no transcurso do seu Vivindo a Costa da Morte. Nas estradas o balance foi fatídico dabondo, xa que a morte dunha muller e as feridas de gravidade de outra, tras sendos atropelos en Carnota na mañá deste xoves, foron obxecto dos informativos máis alá da Costa. Ademáis, un dos puntos máis críticos no que á circulación se refire, foi Mazaricos onde a neve, unida ás perigosas placas de xeo que se formaron na calzada, froito da combinación de auga e frío, contribuíron a dificultar a circulación durante a xornada de onte e incluso obrigando a cortar por momentos a estrada AC- 400, que conecta o municipio con A Coruña e Santiago de Compostela. Tamén en Mazaricos un home quedou atrapado no seu vehículo sen consecuencias importantes nunha estrada secundaria. Segundo informacións facilitadas pola DGT, a AC-400 require circulación lenta e con precaución a causa da neve entre os quilómetros 42 e 52 en ambos sentidos. Ademáis, neste treito está prohibida a circulación a vehículos articulados e camións. Ledicia por unha parte e unha certa situación de caos pola outra pero ante o perigo das malas condicións das estradas, unha morea de efectivos da Garda Civil e Protección Civil e demáis operarios dos distintos concellos da Costa, foron os encargados de traballar a prol da seguridade nas nosas estradas para evitar males maiores. En canto á predición para as vindeiras horas, continua o frío coa cota de neve por riba dos trescentos metros e con posibilidade de sarabia durante toda a xornada de hoxe venres. Nevada en Come Nevada en Corme Nevada en Corme Nevada no Pindo O Monte Pindo nevado dende Lira-Foto-Marcos Rodriguez O Monte Pindo nevado dende Lira-Foto-Marcos Rodriguez O Monte Pindo nevado -Foto-Marcos Rodriguez Nevada do Pindo

Comentarios