Mércores. 03.06.2020
El tiempo

Apego para criar en galego

Apego para criar en galego
Apego

Fermoso o proxecto de dinamización do Servizo de Nomalización do Concello de Carballo. Un proxecto que reincide na educación das nosas crianzas en galego, facilitando materiais, argumentos, recursos e accións ás familias para axudarlles á crianza. Unha necesidade nestes tempos nos que é realmente preocupante a situación da adquisición, socialización e uso do galego nas idades máis temperás.

Así, doce concellos, entre eles o de Carballo e o de Carnota, queren mellorar as cousas a través dun proxecto con ese nome, Apego, que é unha aventura conxunta de amor, arraigo, lingua, orgullo, identidade...

O proxecto Apego presentouse publicamente en Carballo xusto despois do 17 de maio, pois o apoio á lingua non pode rematar ese día. Ademais, presentouse na Biblioteca e celebrará a súa primeira actividade na Ludoteca, pois estes van ser dous lugares fundamentais para a crianza e desenvolvemento dos nenos e nenas de Carballo.

O nome non foi posto por causalidade. Apego é afección, inclinación ou amor por algo ou alguén. Apego é vínculo. Apego é sintonía, empatía. O apego é necesario para o desenvolvemento social e emocional. E o apego é fundamental para a lingua.”

Así, a imaxe da campaña é un polbo que, ademais, é unha mantiña-apego que, xunto con outros materiais, daráselles a todas as familias que agardan un bebé para que os acompañe durante os primeiros meses ou anos de crianza.

A primeira destas actividades que terá lugar en Carballo é un Cantacontos de Pablo Díaz para bebés e familias, que terá lugar este xoves 21, ás 18.00 h, na Ludoteca Municipal. É de balde, mais necesítase inscrición previa, pois está limitado a 25 bebés acompañados dun adulto.

Campaña de difusión, caixa de benvida, materiais de apoio, espazo web e actividades

O desenvolvemento práctico do Apego contempla diversas fases e accións, como unha campaña para difundir o proxecto e as súas mensaxes, unha caixa de benvida con materiais para a crianza en galego, música para os primeiros anos, un espazo web e actividades para a socialización na lingua propia.

Campaña para difundir o proxecto e as súas mensaxes

Para socializar o proxecto e as súas mensaxe difundirase a imaxe da campaña e distribuiranse folletos informativos e carteis coa imaxe do Apego principalmente no Centro de Saúde de Carballo, mais tamén a través doutros medios e lugares, como espazos públicos, establecementos dedicados a produtos relacionados co embarazo e a crianza, asociacións de apoio á crianza ou adopción, etc.

Caixa de benvida con materiais para a crianza en galego

A acción de arranque do proxecto é a entrega dunha caixa de benvida ás familias que agardan un bebé con materiais para achegar argumentos e materiais de axuda para a transmisión do galego, apoio á crianza, etc. Esta caixa entregaráselles no Servizo de Normalización Lingüística, no Pazo da Cultura, ás familias que van ter un neno ou nena e que estean empadroadas en Carballo. As futuras mamás e papás poderán pasar a recoller a súa caixa e sumarse ao proxecto Apego a partir da primeira semana de xuño, para o que deberán acreditar documentalmente a súa situación de embarazo. Esta caixa de benvida contén os seguintes materiais:
  • Un boneco-manta apego: é un boneco mantiña suave símbolo da campaña, que personifica o polbiño PO, imaxe e mascota do Apego, e que se converterá no vínculo permanente coa familia, e que acompañará o bebé nos seus primeiros meses ou anos. O polbiño PO pasou todos os controis de calidade e ten os certificados de uso axeitados.
  • Un libro: guía para pais e nais que inclúe razóns para a transmisión da lingua; propostas de nomes en galego e argumentos para elixilos; recomendacións para o inicio da crianza, lactancia, sono, descanso, alimentación, etc.; arrolos, recitados e xogos de dedos; palabras para medrar; etc.
  • Un álbum de recordos e primeiras experiencias: Para gardar as lembranzas máis importantes, divertidas e especiais do primeiro ano de vida do bebé: a primeira ecografía, a música soaba ou que había na tele e no cine o día que naceu o bebé, o primeiro riso, o prezo do pan, a primeira obra de arte, etc.
  • Un medidor: para ir seguindo o crecemento do bebé nos primeiros anos.
  • Un adhesivo para o coche: para que o resto de xente que anda pola estrada ou rúa teña sentidiño.

Música en galego para os primeiros anos

Unha vez que naza o bebe, ás familias que recolleron a caixa entregaráselles tamén un disco cunha compilación de dez cancións de música infantil en galego de grupos e estilos diversos: María Fumaça, Mamá Cabra, Uxía, Olga Brañas, As Maimiñas, Pablo Díaz, Os Tres TENedORES, Susa Herrera e Pirilampo. O CD está producido pola Editorial Galaxia.

Espazo web para o Apego

Disponse dun espazo para a información e intercambio de recursos de axuda, culturais, educativos e formativos, para crear rede coas familias para que vaian coñecendo as accións e actividades, para o apoio para a crianza, etc. O seu enderezo é www.apego.gal.

Actividades para o apoio á crianza e a socialización en galego Ademais de todo iso, desde o Concello de Carballo iremos organizando tamén actividades e obradoiros para diferentes colectivos implicados no programa, coa finalidade de axudar á crianza en galego, de ir tecendo redes de apoio e de facilitar a socialización dos nenos e das nenas en lingua galega. Algunhas desas accións previstas son obradoiros de cantos de berce, obradoiros de xogos de dedos, contacontos e concertos para bebés, xornadas de achegamento de materiais en galego para escolas e ludotecas, etc.

Novas relacionadas

Fonte
  • Concello de Carballo.

comentarios