O alumnado do IES Eduardo Pondal de Ponteceso, recoñecido no proxecto CanSat

O proxecto do CanSat é unha iniciativa da Axencia Espacial Europea que promove a investigación STEM en centros de todo o estado. E a Costa da Morte ten unha destacada presenza, como o comprobanos na postpandemia no IES de Ponteceso, e o ano pasado en Muxía.
Este curso, volven ser os pondalianos os que collen protagonismo. Dous grupos de alumnos e alumnas do IES de Ponteceso defenderon o seu proxecto, ante a AEE. Deseñaron un satélite do tamaño dunha lata de refresco, onde debían recoller e transmitir datos atmosféricos de xeito inalámbrico. Ademais, tamén debían propoñer unha misión secundaria, a alma do proxecto.
O primeiro grupo (Ob) deseñou un paracaídas alternativo mentres que o segundo, Lisco, realizou unha análise da presenza de bacterias e fungos nas capas altas da atmosfera. O traballo comezou no mes de outubro e rematou co Premio na categoría de Divulgación e Patrocinio.
Por outra parte, algúns alumnos/as de 1º e 2º da ESO tamén participaron neste certame, na categoría S, ideada para os máis pequenos.
Gran traballo de Jairo Álvarez , Eva Rodríguez, Luana Sueiro , Lara Castro, Beltrán Álvarez, Alejandro Mato, Lucas Santos, Salvador Andrade e Alberto Calleja, así como dos seus mentores Covadonga Gasch, Carlos López, Isabel Segura e Javier Botana.