mércores. 30.04.2025
El tiempo

O poder local puido co tempo na Mostra Víndemo Ver de Carnota

Mostra Vindemo Ver Carnota 2025-Tradicion Maria LixoAtelier
O poder local puido co tempo na Mostra Víndemo Ver de Carnota

Non puido o tempo coa maxia da XII Mostra de Promoción Local “Víndemo Ver-Mercado da Deputación”. A Semana Santa quixo desafiar a potencia social, cultural e turística da comarca, pero a Costa da Morte volveu vencer. Mentres por Camariñas a artesanía facíase moda de vangarda, e por Fisterra a fe demostra a súa potencia como símbolo social e etnográfico, por Carnota os protagonistas foron o produto, a artesanía, a tradición e a cultura sempre en clave local.

A carpa da praza de San Gregorio foi epicentro de actividades, nunha edición dedicado este ano ao fascinante fenómeno do mar de ardora. De feito, o Concello carnotán reafirma o éxito da súa aposta pola tematización, ofrecendo un evento que destaca pola súa aposta pola promocioción do produto local nun ambiente familiar.  

Mostra Vindemo Ver Carnota 2025-Carpa

E como dicimos, a carpa foi un fervedoiro continuo, ratificando un novo éxito de asistencia e participación, reforzando a súa posición como un dos grandes referentes da promoción cultural e económica da comarca nestas tan sinaladas datas.

A feira abriu as súas portas o xoves co acto de inauguración e unha interesante charla-coloquio, rematada coa primeira noite de concertos. Ademais da artesanía e da música, as probas deportivas completan unha oferta completísima. De novo, a Andaina Andar ao Mar do sábado e a XII Ruta BTT e a mini BTT infantil do venres tiveron como inimigo o tempo, pero así e todo as valentes participantes puideron gozar da natureza no seu estado máis salvaxe. A cuberto celebrouse, con gran alegría e destreza, a IV Xincana de bicicletas na que os máis peques gozaron de probas a dúas rodas.

Mostra Vindemo Ver Carnota 2025-Xincana
A xincana
Mostra Vindemo Ver Carnota 2025-Andaina
A Andaina

Singular a ambientación do grupo Ximiela na ruta a pé que comezou no faro de Lariño e finalizou en Carnota. Tamén houbo máis actividades para a rapazada, como os obradoiros de cerámica e cestería, xogos tradicionais e espectáculos.

A feira tamén foi unha oportunidade para mergullarse na historia e cultura mariñeira grazas ás exposicións temáticas, entre elas a colección de fotografías de Ana García “Os segredos do Mar de Ardora” e os aparellos de pesca tradicionais do século XX, que engaiolaron aos asistentes.

Mostra Vindemo Ver Carnota 2025-Obradoiros
Un dos obradoiros de vimbio

Os concertos collen sona

Mostra Vindemo Ver Carnota 2025-Concertos
Ambientazo nos Concertos

A música e as actuacións culturais puxeron a nota festiva, destacando os concertos de Chiña, Juan do Tractor, Los Lunes al Sol, 9Louro e Xurxo Fernandes. A de Xurxo xa foi unha festa completa, pero se cadra o concerto de 9Louro, o loureán ao que vemos medrando cada mes, e que estivo acompañado de Matías, guitarra e voz de The Rapants.

Mostra Vindemo Ver Carnota 2025-9Louro
9Louro con Matías

Máis novas do Víndemo Ver

Comentarios