Esta primavera volven as Tardes con Apego ao Concello de Carnota

A primavera chega a Carnota con novas propostas do Servizo de Normalización Lingüística para a primeira infancia, dentro do programa Apego. As actividades programadas están recomendadas para familias con crianzas a partir de 1 ano e teñen como obxectivo tecer redes coas familias para favorecer a crianza e a socialización en galego dende as idades máis temperás.
A participación é gratuíta pero para algunhas das actividades é necesario inscribirse previamente enviando un correo electrónico a cultura@carnota.gal no que se debe indicar: nome completo e idade das crianzas, nome completo das persoas adultas acompañantes (máximo 2) e teléfono de contacto.
A inscrición pode realizarse ata as 14:00 horas do día anterior ao espectáculo. Unha vez realizada a inscrición, o SNL confirmará a admisión na actividade.
Programa de actividades:
Os contos de Violeta | Bea Campos, de Migallas Teatro
Á pequena Violeta encántanlle as historias onde os nenos e as nenas poden facer as mesmas cousas. Ela sempre leva unha maleta na que garda os seus libros preferidos para compartir cos nenos e as nenas. Nesta proposta de teatro, contos e música atoparás aventuras que rompen os estereotipos e os roles asignados tradicionalmente.
- Data: sábado 29 de marzo Hora e lugar: 17:30 h | Salón de actos do Concello de Carnota Idade recomendada: a partir de 3 anos
- Duración: 45 minutos
- Entrada libre ata completar a cabida do local.
Nano canta croac | Raquel Queizás
Nano canta croac cando está contento, pero hoxe está moi calado. Que lle pasa a Nano? Ás veces non é fácil saber como nos sentimos. Estamos tristes ou anoxados? Ímolo descubrir. Un conto musical para axudar os/as máis pequechos/as a comprender e expresar como se senten.
- Data: venres 4 de abril
- Hora e lugar: 17:30 h | Salón de actos do Concello de Carnota Idade recomendada: de 1 a 4 anos.
- Duración: 35 minutos
- Inscrición previa (cultura@carnota.gal). Prazas limitadas.
Patapatún tun tun | O Mago Paco
Neste divertido espectáculo O Mago Paco amosa a súa faceta máis tenra para achegarlles o mundo da maxia ás crianzas máis pequerrechas a través de xogos, disfraces, cancións, bonecos e historias. De repente, todo ten maxia. Só hai que berrar ben forte... Patapatún tun tun!
- Data: venres 25 de abril.
- Hora e lugar: 17:30 h | Salón de actos do Concello de Carnota Idade recomendada: de 1 a 4 anos.
- Duración: 45 minutos
- Inscrición previa (cultura@carnota.gal). Prazas limitadas.
O cuco veu por acá e marchou por alá | Percubebés
Espectáculo musical participativo e pequeno obradoiro de percusión para bebés e familias, a cargo de Marcelo Dovade e Bea Martínez, dous artistas moi familiarizados coa educación musical na primeira infancia. Con eles, as crianzas e as súas familias adquirirán ferramentas para a execución musical experimentando con instrumentos diversos (pandeiretas, pandeiros, maracas...) e aprenderán cantiguiñas propias da nosa cultura.
- Data: venres 9 de maio
- Hora e lugar: 17:30 h | Salón de actos do Concello de Carnota Idade recomendada: de 1 a 4 anos.
- Duración: 45 minutos
- Inscrición previa (cultura@carnota.gal). Prazas limitadas.
Este programa está organizado polo SNL do agrupamento dos concellos de Carnota e Mazaricos, servizo financiado pola Deputación Provincial da Coruña e a Xunta de Galicia.