Sábado. 07.09.2024
El tiempo

Aberta a inscrición para o VII Encontro Internacional Starlight na Costa da Morte

VIIEncontro_Starlight
Aberta a inscrición para o VII Encontro Internacional Starlight na Costa da Morte

A inscrición para o VII Encontro Internacional Starlight está aberta. O evento, que se celebrará en Cee entre os días 1 e 4 de outubro deste ano 2024, convertirá á Costa da Morte no epicentro do astroturismo a nivel internacional. 

Como facer a Inscrición

A inscrición para este evento estará aberta tanto para a asistencia presencial como online, coas seguintes datas e prezos.

Inscrición para asistir en persoa:
    - Data límite de inscrición: 15 de agosto de 2024.
    - Prezo: 130 euros.
Inscrición para asistencia online:
    - Data límite de inscrición: 20 de setembro de 2024.
    - Prezo: 30 euros.
A inscrición, en calquera das súas modalidades, pódese facer a través deste formulario web.

Un encontro de gran importancia para a Costa da Morte

O VII Encontro Internacional Starlight reunirá a profesionais, empresas, entidades públicas e privadas, medios de comunicación, monitores e guías Starlight, centrando o seu enfoque nos eixos transversais da Fundación Starlight: astroturismo, desenvolvemento sostible local, patrimonio natural e cultural vinculado á luz das estrelas, protección do ceo e difusión da astronomía.

A II Conferencia Internacional sobre Astroturismo atraerá a expertos de diferentes lugares do mundo para ofrecer unha visión ampla e diversa sobre as tendencias e o desenvolvemento no eido do astroturismo a nivel internacional. Será tamén un bo momento para poñer en contacto a profesionais e entusiastas do astroturismo de países distintos, creando grandes oportunidades para futuros proxectos e colaboracións.

Manuel Muíño, presidente da CMAT, asegura que o feito de acoller este encontro é un “indicativo da enorme implicación e compromiso dos concellos da Costa da Morte co noso xeodestino turístico”. 

Segundo a directora da Fundación Starlight, Antonia Varela, “a Costa da Morte é un dos Destinos Turísticos máis novos da Rede Starlight, pero levou a cabo un camiño ascendente e cunha sólida estratexia astroturística, á que se suma o gran compromiso das administracións públicas e empresas responsables do territorio, afíns aos principios da Rede Starlight”. 

A Fundación Starlight salienta que celebrar este encontro na Costa da Morte é tamén estratéxico para toda Galicia, que xa conta con sete Destinos Turísticos Starlight, sendo a terceira comunidade autónoma con máis certificacións deste tipo, despois de Castela A Mancha e Canarias, empatada con Castela e León e seguida moi de preto por Andalucía, Cataluña ou Aragón. 

Polo tanto, a celebración deste congreso na Costa da Morte é histórica e unha oportunidade única de posicionamento internacional como destino turístico, establecendo un precedente para futuros eventos e xerando oportunidades económicas a curto e medio prazo.

Comentarios