Sábado. 27.04.2024
El tiempo

A AECC de Cee fai campaña de prevención na rúa sobre o cancro de colon, o cancro máis diagnosticado en Galicia

AECC Cee-Mesa Cancro Colon 24 marzo 2024
A AECC de Cee fai campaña de prevención na rúa sobre o cancro de colon, o cancro máis diagnosticado en Galicia

A Xunta Local de Cee da Asociación Española Contra o Cancro, levou a cabo o pasado domingo unha campaña de concienciación sobre o cancro de colon, o máis diagnosticado en Galicia; anticipándose á conmemoración do Día Mundial do Cancro que será o 31 de marzo.

A campaña resalta a importancia da detección precoz, instando ás persoas de 50 a 69 anos a realizar o test de sangue oculto en feces, un sinxelo pero vital procedemento que pode salvar vidas. Distribuíronse folletos informativos da proba, nos que tamén se proporciona un código QR para acceder a información adicional no sitio web do Programa Galego de Detección Precoz do Cancro Colorrectal da Consellería de Sanidade.

O cancro de colon a miúdo non presenta síntomas nas súas etapas iniciais, o que fai que a detección precoz sexa crucial. O test de sangue oculto en feces (TSOF) é unha ferramenta non invasiva que se pode facer comodamente na casa e ten o potencial de detectar a enfermidade a tempo, aumentando significativamente as posibilidades de curación.

Por todo isto, a xunta local da AECC insta á poboación a participar nesta proba esencial para a prevención do cancro colorrectal.

AECC Cee-Mesa folleto probas TSOF

Xantar Solidario

Co compromiso de continuar a súa misión preventiva e de apoio na loita contra o cancro, a Xunta Local de Cee da AECC anunciará máis actividades ao longo do ano, entre as vindeiras actividades estará o IV Xantar Solidario que se celebrará o 17 de maio, no restaurante Casa Valentín de Cee. As entradas estarán dispoñibles para as persoas interesadas a mediados de abril.

Comentarios