Baixo o mesmo paraugas: "As persoas con discapacidade son cada vez máis independentes e reivindicativas"
”Baixo o mesmo paraugas” acubilláronse ducias de persoas este mércores 3 de decembro, no marco do Día Internacional da Discapacidade. A iniciativa, que cumple 10 anos, volveu unir ás comprometidas familias de Aspadex, Apem, SAT Costa da Morte, Asociación galega de Ataxias, Afafes, Plataforma Reisenhores e Asociación Paseniño, nunha emotiva concentración celebrada na Praza 8 de marzo de Cee.
Cos paraugas (pero o tempo deu a tregua) e as pancartas ( “A inclusión é poder” ou “somos #Xente10”), máis de 200 persoas deron conta do apoio de familias e de veciñanza ao mundo da diversidade, cada ano máis visible, respectado e valorado.
As entidades compartiron a lectura do manifesto no que se puxo en valor das persoas con discapacidade, e no que se leron unha serie de reivindicacións, como os apoios a nivel educativo, sanitario, ou os dereitos a unha vida digna, a un traballo digno, a unha vida en liberdade… como calquera outra persoa. Tamén as entidades tamén fixeron algunhas peticións concretas sobre os seus eidos.
Unha das conclusións que levan vendo as entidades é que “observamos dende dentro é que as persoas con discapacidade cada vez máis esixindo máis os seus dereitos, cada vez son máis independentes e reivindicativos. Van coñecendo o formato, e teñen gañas de expresarse, teñen voz propia e é un paso importantísimo”, recoñece Susana Trillo de Aspadex.
Así se comprobou co discurso de Cristian, un usuario de Aspadex, que a pesar de ser a primeira vez que falou en público, e tras uns atrancos iniciais, lanzouse a falar espontaneamente deu unha demostración de poderío, autonomía e espírito crítico!