“Podemos levar unha vida plena se ti nos das a man e imos todos baixo o mesmo paraugas”
Como noutras cidades como a da Coruña, as entidades sociais da Costa da Morte secundaron a convocatoria da Plataforma “Baixo o mesmo paraugas”. Xentes de Aspadex, Apem, SAT Costa da Morte, Asociación galega de Ataxias, Afafes, Apem, Plataforma Reisenhores e Asociación Paseniño, acompañadas por ducias de veciños e veciñas, concentráronse en Cee esta mañá do 3 de decembro, polo Día Internacional da Discapacidade.
Unha xornada na que se quixo visibilizar a necesidade de seguir traballando pola inclusión, a igualdade e o respecto a todas as persoas con diversidade funcional.
Tomaron a palabra persoas de cada entidade, como Rogelio Antelo, paciente da Ataxia, ou os usuarios de Aspadex. ”As persoas con discapacidade queremos estar presentes todos os días do ano na educación, no traballo, no ocio, como é o noso dereito”, dixo alto e claro Alejandro Castro, usurio de Aspadex. “Non somos tontos, somos persoas coma ti, con sentimentos e ilusións podemos levar unha vida plena se ti nos das a man e imos todos baixo o mesmo paraugas”.
Non faltaron numerosos concelleiros da comarca, así como os alcaldes de Corcubión, Dumbría e Muxía.
Así celebrou Aspadex este día de feta.
Máis novas