O BNG leva ao Parlamento galego as deficiencias no IES Fernando Blanco de Cee

Deficiencias no exterior do IES Fernando Blanco

 

Denunciaba o profesorado esta pasada semana as mil e unha deficiencias que sofre o senlleiro IES Fernando Blanco. Hoxe é o BNG da Costa o que vén de anunciar que, a través do deputado Oscar Insua, presentou no Parlamento galego unha iniciativa na que urxe á Xunta do Partido Popular a que actúe ante as carencias do centro.

Os nacionalistas manifestaron o seu apoio ás demandas da comunidade educativa e criticaron que o goberno galego “non teña dado resposta algunha, a pesares dos continuos avisos dos responsábeis do instituto ceense”. Sinalaron, así mesmo, que o caso do IES Fernando Blanco “non é algo puntual na comarca, pois existen outros centros educativos que presentan graves eivas e se atopan en mal estado, como o CEIP Labarta Pose de Baio, O CPI de Zas e o IES Eduardo Pondal de Ponteceso”.

O BNG lembrou que o profesorado do IES Fernando Blanco ten denunciado diversas deficiencias estruturais no centro, como filtracións de auga que obrigan a dar clase con caldeiros no chan, que xa provocaron accidentes; ademais de cortes de luz constantes, falta de climatización e un sistema de calefacción obsoleto. 

Os docentes tamén sinalaron que hai unha vacante en conserxaría sen cubrir desde hai máis dun curso, e que a seguridade viaria nos accesos ao instituto está en grave risco, por falta de sinalización e exceso de velocidade do tráfico.

O deputado Oscar Insua manifestou que "hai tempo que os responsables do instituto avisaron do estado do instituto e non fan nada. Ten que caer o tellado ou pasar unha desgraza pra que movan un dedo?”.

Máis novas