Brens sentíu solidariedade da música tradicional
Este sábado celebrouse en Brens o Festival Solidario de música tradicional galega con diferentes grupos locais e da nosa contorna. Foi un éxito en canto asistencia de público (unhas 100 persoas que encheron a Casa de Cultura) e en recollida de alimentos perecedoiros para Cáritas da Unidade Pastoral de Cee, nada menos que uns 700kg.
Foi unha tarde moi especial con actuacións variadas desde o grupo de gaitas de Lires e as premiadas pandereiteiras "Cabaleiras do Camiño", o numeroso grupo "O Son dos Muíños" de Toba, as animosas "Rinchonas" da Universidade Popular de Corcubión, o grupo Ghandaina co seu estilo folk amosando un gran dominio dos instrumentos (harpa, acordeón, violín...) e finalmente o artista de Brens Alex Castro co seu acordeón acompañado do profesor de baile e pandeireta da SDC Brens, Tomás Lagoa.
Este festival demostra que a xente de Brens e da bisbarra participa activamente da nosa cultura e, se é cun fin solidario, aínda máis.
A xente da activa ACD Brens espera repetir para o ano que vén, e espera tamén a seguinte actividade, a chegada de Talía Teatro.