Brens vive a música galega en vivo
Segue a familia da SDC Brens apostando pola música galega en directo. E esta pasada semana foi espectacular.
O pasado sábado 19, comezaban esta ambiciosa semana cultural da man das pandereteiras da asociación Chan das Lamas de Quilmas que ofreceron unha actuación espectacular co seu amplo repertorio de cancións que gustou moito.
Xa o sábado 26 a Eira do Roxo, en Raso (fantástica a aposta por recuperar eses espazos da aldea que servían de encontros sociais) acollía unha cita moi especial con dous gaiteiros da parroquia: Moncho de Cambeiro e Carlos de Puga. "Unha magnífica actuación nun entorno expectacular onde Brens vibrou co son das nosas gaitas", recoñece Martín, dende a entidade.
O domingo 27 chegaba o peche final, nada menos que co grupo Paracetafolk, recentemente recoñecido co "Premio Martín Códax música 2025 ao mellor artista emerxente". A banda costeira (mesmo un dos integrantes, Tomás Lagoa Blanco, é natural de Lires), deleitou á parroquia ceense cun concerto de música que deixou grandes momentos, como cando de forma espontánea a xente arrancou a bailar formando unhas imaxes moi bonitas.