Venres. 29.03.2024
El tiempo

Cee recibe 1,1 millóns de euros do Plan Único da Deputación

Cee recibe 1,1 millóns de euros do Plan Único da Deputación
presidente-deputacion-cee Varios membros da corporación municipal recibiron onte ao presidente da Deputación , Valentín González Formoso, durante a súa visita institucional A Deputación da Coruña investirá máis de 1,1 millóns de euros no concello de Cee durante o bienio 2017-2018. Así o anunciou onte o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, durante unha visita institucional á vila. Formoso visitou varias infraestruturas realizadas no municipio con cargo ao fondos provinciais, como a reforma do antigo edificio do concello, o novo alumeado do casco vello, a escola de Brens ou a praza de Xallas e afirmou que estas obras foron posibles grazas ao “investimento histórico” do Plan Único (POS+), que no bienio 2017-2018 supuxo para o concello ceense unha importante inxección económica de máis 1,1 millóns de euros. Na que foi a súa segunda visita institucional a Cee, o presidente provincial destacou a “utilidade” do novo plan “que permite a concellos como este acometer determinadas obras que non poderían facer en solitario e dalles total autonomía á hora de decidir en qué invisten os fondos da Deputación”. González Formoso destacou que moitas destas obras “contribúen a recuperar e revitalizar o casco histórico da localidade”. Entre elas destacan os 12.630,40 € que se destinaron ás obras de rehabilitación exterior e interior da antiga casa do Concello ubicada na praza da Constitución de Cee. Os traballos incluíron a reparación da cuberta, mosaicos, azulexos e ornamentos do edificio, a renovación da carpintería exterior e a demolición dalgunhas estruturas que se atopaban moi deterioradas. Tras a profunda reforma levada a cabo no edificio, o Concello de Cee pretende agora ubicar neste inmoble una oficina de emprego, polo que o INEM sería o encargado da adaptación e reforma interna do edifico. Nas inmediacións deste histórico inmoble hoxe recuperado, o presidente da Deputación e o rexedor ceense visitaron tamén parte das rúas do casco vello (entre elas as rúas Alvarellos Berrocal, Rosalía de Castro e a propia praza da Constitución) que contan cun novo sistema de iluminación LED, con 68 modernas luminarias similares ás instaladas no casco histórico de Pontevedra, así como proxectores no pavemento, que mellorar a calidade lumínica e reducen o consumo en máis dun 70% con respecto ao sistema de alumeado anterior. Para completar este importante lavado de cara do casco vello ceense, o Plan Único da Deputación investirá este ano outros 76.383 euros nas obras de mellora das rúas de Arriba e Magdalena, ás que se dotará dun novo pavemento de adoquín de granito. Este é un dos investimentos recollidos no POS+2018, que este ano conta cunha achega inicial de 457.381,45 euros e que permitirá ademáis acometer outros proxectos destinados a mellorar a calidade de vida dos veciños como as traídas de auga a Sembra e A Pereiriña, que suporán un investimento de algo máis de 300.000 euros para dotar de abastecemento de auga a estes dous núcleos ceenses. Melloras na escola de Brens e na praza de Xallas Valentín González Formoso e Ramón Vigo visitaron tamén a escola infantil de Brens, cuxas obras de mellora foron financiadas tamén polo Plan Único da Deputación cun investimento de 39.729 euros. Os traballos incluiron o illamento da fachada, a substitución da carpintería exterior, a reforma dos baños e o pintado exterior e interior do inmoble, dotando dun maior confort climático e acústico ás aulas nas que estudan un total de 28 nenos e nenas entre os 3 e os 8 anos. Finalmente, ambos mandatarios visitaron a praza central de Xallas, na que se investiron 30.000 euros para substituir o anterior pavemento por un novo de formigón pulido nunha superficie de 630 metros cadrados. As obras incluiron tamén a limpeza do muro de contención, a instalación dunha varanda de madeira tratada con autoclave e dun peche para os contenedores de lixo, tamén en madeira, co obxectivo de adecualos á estética do entorno. Novas relacionadas Fonte

Comentarios