Chegan as 12ª Xornadas Micolóxicas Costa da Morte

Esta fin de semana temos cita micolóxica en Vimianzo. Pero xa temos na cabeza o evento máis importante da Costa da Morte relacionado cos cogumelos. E xa van 12 anos destas Xornadas Micolóxicas da Costa da Morte, que artella a Asociación Micolóxica Naturista Pan de Raposo.

Son a auténtica referencia e para iso contan von verdadeiros especialistas a nivel estatal na materia, como o noso colaborador José Manuel Castro Marcote. Proba delo son os libros publicados polo propio Marcote, Chemi Traba e Manuel Pose Carracedo, que seguen a ser a meirande fonte de información micolóxica do país.

Pois as XII Xornadas Micolóxicas Costa da Morte celebraranse a fin de semana do 3 e 4 de novembro, e terán como base a Escola de Música de Cee. Alí se realizará a exposición de cogumelos na que chegan a xuntar máis de 200 especies colleitadas nos días anteriores por toda a península.

Pero hai moito máis, con varias visitas guiadas pola exposición da man de Marcote e Pose Carracedo, ademais de 3 interesantes conferencias. Unha sobre as "Discomycetes" da man de José María Costa Lago; unha sobre a "Natureza na Costa da Morte" da man de Francisco Javier Lema Fuentes, "Chisco"; e outra sobre "O mundo máxico dos Fungos" de Chemi Traba.

Ademais haberá unha cita que non se pode perder: unha degustación de pinchos de cogomelos no Hotel Restaurante Larry e mais no Galeón de Ana, en Cee.

Nocións micolóxicas con José Manuel Castro Marcote

Novas micolóxicas

Outras novas

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).