Venres. 19.04.2024
El tiempo

A Costa da Morte no centro da micoloxía de Galicia

A Costa da Morte no centro da micoloxía de Galicia

Malia non estarmos en temporada, esta fin de semana toca sesión micolóxica en QPC. E como non, ten que ser a Asociación Micolóxico Naturista Pan de Raposo a que nos amose o camiño. I é que é fundamental esta entidade para ir sementando unha tradición non só na Costa da Morte, se non en todo o país como iremos comprobando.

Xa van 11 anos dende que a entidade se fundaba en Cee. Xornadas Micolóxicas, charlas divulgativas, camiñadas, cursos de cociña, elaboración dun catálogo de especies micolóxicas da Costa da Morte (xa van polas 7000 fichadas), publicación de libros e artigos como este Boletín, do que hoxe presentamos o número 14.

Un artigo sobre os insectos dípteros de José Ramón Pato, un novo repaso ás Amanitas e aos cogomelos raros da bisbarra con José Manuel Castro Marcote, unha visión das Ascomycetes con Manuel Pose Carracedo; avisos de intoxicación e unha degustación de catro rúsulas con José María Traba Velay; a estrela caída de José María Costa Lago, e outras cousas como orquídeas con Manuel Pose Carracedo, unha viaxe pola apicultura galega con Suso García Devesa...

Ademais, este número 14 do Boletín trae artigos de outros campos. Ollamos un que nos sona, que trata dos cabalos salvaxes nos nosos montes. Quen mellor que Francisco Santiago López, para achegarnos a vida do garañón da Costa da Morte, cun grandioso vídeo onde a convivencia entre lobos e cabalos faise evidente.

A Costa da Morte exportando saber micolóxico

A incidencia de Pan de Raposo no mundo micolóxico galego pódese ver a través das revistas de índole nacional. E comezamos polo noso colaborador José Manuel Castro Marcote. Ademais do seu último libro de cogumelos dunares, Marcote sacou tempo este inverno para publicar en diferentes revistas especializadas de toda a península. Como Tarrelos, a revista da Federación Galega de Micoloxía. O seu número 12 abre cun artigo de Marcote sobre a Helvella Juniperi. Marcote tamén inclúe un artigo sobre "Amanitas comestibles" cunhas fotos espectaculares que agardamos traer para a nova campaña na sección Nocións Micolóxicas.

E podemos corroborar a importancia da entidade costeria vendo que non só temos un enviado costeiro. Chemi Traba Velay tamén aporta novas especies do xénero Lactarius Fr. mentres que José María Castro Lado fálanos do folcclore e dos usos dos Gasteromycetes.

Nocións micolóxicas con José Manuel Castro Marcote

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios