Domingo. 20.09.2020
El tiempo

Os donos dos cogomelos silvestres

Os donos dos cogomelos silvestres

Segundo a Lei de Montes 43/2003, os fungos entran dentro dos aproveitamentos forestais. Así un aproveitamento micolóxico é toda aquela obtención ou recollida de fungos dos montes que se realiza con algunha finalidade, comercial, recreativa, consumo, etc., cun potencial valor de mercado. A partir de aquí, a pregunta que nos facemos na maioría dos casos é sempre a mesma:

  • ¿Teñen dono os cogomelos silvestres?

Ao longo da historia, esta pregunta tivo dúas interpretacións moi diferentes:
1).- Os que consideran os cogomelos como "cousa de ninguén" (res nullius), salvo que o dono do terreo teña reservado o aproveitamento micolóxico.
2).- A asumida polos xuristas na actualidade, que considera os cogomelos como un froito do terreo (frutus fundi).

A Lei de Montes 43/2003 pechou xuridicamente este debate, e dinos no seu artigo 36.1.: "O titular do monte será tamén en todos os casos o dono dos recursos forestais producidos no seu monte, incluídos froitos espontáneos, e terá dereito ao seu aproveitamento... "

Segundo esta concepción, os cogomelos son xuridicamente un froito e teñen un dono que é o titular do terreo en que se produce, sexa público ou privado.

  • ¿Podemos recoller cogomelos sen o permiso do dono do terreo?

Unha interpretación rigorosa do dereito de propiedade podería facer pensar que recoller cogomelos supón un despoxo de bens alleos, pero en Dereito tamén se teñen en conta os costumes ou prácticas habituais socialmente aceptadas, como a recollida esporádica de cogomelos ou froitos silvestres, é o que se chama ius usus inocui ou uso inocuo da propiedade allea, dereito subxectivo inherente á condición de cidadán e que se identifica co que se coñece como "recollida ou aproveitamento episódico, libre ou consuetudinario".

O aproveitamento episódico correspóndese co que adoitan realizar os afeccionados, se entende que non ten interese de lucro e se destina fundamentalmente ao autoconsumo. Este dereito subxectivo ten os seus límites e non pode contradicir ao dereito de propiedade. Para iso debe ser inocuo económica e ambientalmente e ademais é subxectivo, o titular da propiedade é o único que pode anular a súa existencia, vontade que debe manifestarse de forma externa e expresa (sinalizacións prohibindo a recollida e/ ou cerramentos). En caso de ausencia de indicios en contra do uso inocuo, enténdese que o propietario o consente tácitamente.

Nos terreos de propiedade pública diferéncianse diversos tipos de aproveitamentos micolóxicos, segundo o obxectivo, pero non debemos esquecer que o 98% do monte galego é de propiedade privada, de titularidade individual ou veciñal en man común. Aínda que a propiedade do aproveitamento xa está definida nas leis xerais, as Comunidades Autónomas poden ordenar e regular os aproveitamentos micolóxicos, aínda que en Galicia non existe ningunha lei con este contido. De todos os xeitos o debate está aberto e a tendencia a regular vaise estendendo a todas as comunidades, sobre todo nos métodos de recollida, o uso de ferramentas daniñas para os humus e a capa vexetal superior, as especies a protexer, o grao de maduración das especies e o uso de recipientes que permitan a aireación e diseminación das esporas. Cada vez hai máis afeccionados partidarios dunha regulación micolóxica con criterios de sostibilidade e protección deste recurso e que delimite os distintos tipos de aproveitamentos e as circunstancias en que poden realizarse.

Como a tempada xa comezou, deséxovos que gocedes e non esnaquicedes o monte.

* Nota: Para este artigo usouse como base o gran traballo de revisión do profesor Julián Alonso Díaz: "As preguntas máis frecuentes sobre regulación e aproveitamentos micolóxicos".

  • José Manuel Castro Marcote (jmcmarcote[arroba]quepasanacosta.gal), da Asociación Micolóxico Naturista Pan de Raposo.

Nocións micolóxicas con José Manuel Castro Marcote

Novas relacionadas

Fonte

comentarios