Raúl e Serena, do Club Arte e Movemento, seguen facendo historia no baile deportivo

A pasada fin de semana de 12 e 13 de xullo, o Club Arte e Movemento viaxou a Guadalajara con 5 deportistas, acompañados da súa entrenadora Graciela Toba, para participar no Campionato de España de Bailes Latinos.
E como non podía ser doutro xeito, o club costeiro non volveu sen medalla. E iso que as finais están cheas de apelidos rusos, pero os ceenses Raúl e Serena, de 13 e 11 anos, conseguiron colar os seus Romero e Díaz no podio.
Esta novísima parella está a facer historia para o clube e para Galicia tanto na especialidade de Baile Standard, na que conseguían a prata española o pasado mes de abril, como na de Bailes Latinos, onde acababan esta finde a medalla de bronce en categoría Junior 1.
Máis participación costeira
A deportista Alba Mourelle (17 anos, Zas), logrou o ascenso a Categoría B nacional, tras participar na Copa Promoción e lograr o ouro. Ademais participou por primeira vez no Campionato de España Single Latinos Youth, e logrou chegar a semifinal.
Tamén, a parella formada por Andres Parga e Laura Marcote (23,19 anos) de Camariñas e Cee respectivamente, lograron chegar a 1/4 de final.
Vindeiras citas
O Club agora descansa este verán, pero xa co que falta de ano 2025 planificado, con campionatos galegos, de España e mesmo o Campionato do Mundo Caribeños por diante.