A comunidade educativa ao completo do CEIP Vila de Cee clama por un PT
Manteñen as mobilizacións as familias do CEIP Vila de Cee, cada vez máis apoiadas por toda a comunidade escolar. Despois da concentración da semana pasada e das reclamacións presentadas por numerosas familias, esta mañá de venres a comunidade ao completo (familias, nen@s e mestras) volveu concentrarse ás portas do colexio a primeira hora da mañá.
Volveron berrar con forza “Queremos un PT”, en alusión á falta de profesorado de reforzo para o alumnado con necesidades educativas especiais (NEE) e necesidades específicas de apoio educativo (NEAE).
Fixeron alusión, cun claro “Isabel, escoita, o Vila está en loita”, á inspectora educativa da zona, Isabel García Vila, esixindo o seu compromiso para consegur ese segundo e necesario auxiliar en Pedagoxía Terapéutica.
Porque “Somos nenos non números” (tamén berraron alto), e merecendo unha “educación de calidade”.
Ata o profesorado está mobilizado e berraron “as mestras tamén están loitando”.