As familias do IES Agra de Raíces volven dar a voz de alarma pola falta de recursos
Pasan as semanas, pero a Xunta segue sen atender ás demandas das comunidades escolares da bisbarra. Así acontece no IES Agra Raíces, onde a pesar de ter xustificado reiteradamente a necesidade de máis profesorado e apoios especializados, a situación segue sen mellorar, algo que as familias consideran "moi grave e preocupante".
A Asociación de Nais e Pais do IES Agra de Raíces volve saír á voz pública porque a día de hoxe, o instituto segue sen contar coa figura de AL con perfil PT comprometida pola administración hai máis dun mes, malia estar máis que xustificada a súa necesidade pola elevada presenza de alumnado con necesidades educativas especiais.
"A situación actual é consecuencia directa dos recortes en recursos humanos, especialmente pola supresión dunha praza de profesorado respecto ao curso anterior", denuncia a ANPA. Esta decisión provocou que as aulas de 1º da ESO estean masificadas, con ata 30 estudantes por grupo, moitos deles con necesidades de apoio. As familias denuncian que esta realidade está a xerar problemas de convivencia, dificultades para seguir o ritmo das clases e un incremento da tensión e da frustración, tanto no alumnado como no profesorado.
Ademais, o centro conta co mesmo número de profesorado de Pedagoxía Terapéutica que o curso pasado, a pesar de que o número de estudantes con necesidades se triplicou, e segue sen dispoñer da figura de AL/PT xa comprometida pola administración. O persoal coidador tamén é insuficiente, e a súa ausencia non se cobre, o que obrigou a que familias de alumnado con grande dependencia tiveran que acudir ao centro para acompañalos ao baño, unha situación inadmisible que vulnera dereitos básicos e evidencia o abandono que sofre o centro.
A ANPA Raíces esixe á administración educativa medidas urxentes ante unha situación xa insostible. As familias reclaman:
-
A incorporación inmediata da AL/PT comprometida, imprescindible para garantir a atención do alumnado con necesidades educativas específicas.
-
A asignación dun/ha profesor/a máis, que permita aliviar a grave masificación nos grupos de 1o da ESO e reducir as ratios a niveis asumibles.
-
A dotación dun segundo coidador ou coidadora, polo menos tres días á semana, que poida cubrir ausencias e asegurar a atención básica e continua do alumnado con alta dependencia.
Dende a ANPA advirten que "cada día que pasa sen estes apoios agrava a situación nas aulas e compromete o dereito á educación de todo o alumnado, en especial daqueles con maiores dificultades". Denuncian ademais "a falta de transparencia e de explicacións por parte da administración, que aumenta a incerteza e o malestar". "O que está en xogo —advirten— é o benestar e o futuro dos nenos e nenas, e o dereito a unha educación pública digna e con medios suficientes".