Xoves. 28.03.2024
El tiempo

I Andaina Saudable: Un bo xeito de iniciar o costume de camiñar

I Andaina Saudable: Un bo xeito de iniciar o costume de camiñar

Este luns, o Salón de Plenos do Concello de Cee acollía a presentación da I Andaina Saudable Concello de Cee, que se celebrará este sábado 23 de xuño a partir das 11:00h. Unha andaina que chega na Costa trala adhesión do Concello ceense no Plan Galicia Saudable, e que pretende fomentar a actividade física e loitar contra o sendentarismo.

Así a proposta é a de saír a andar un día, nun percorrido polo paseo entre Cee e Corcubión, para intentar conseguir que o feito de saír camiñar todos os días se convirta nun hábito, nun costume. Algo xa moi arraigado na chamada "ruta do colesterol", e que con esta idea se pretende potenciar.

Unha ruta que, por certo, podería entrar nos plans da Xunta para acabar de unificala, completando a fusión de paseos (que non de Concellos por agora) entre Cee e Corcubión, xa prantexada dende hai anos.

Presentación

Foi o responsable da Xunta do Plan Galicia Saudable, Miguel Rodríguez (a dereita) quen comezou agradecendo a predisposición do Concello, o primeiro de Galicia en pedir a adhesión ao plan. Así mesmo recordou as condicións idóneas para abrir a campaña e o Circuiro Galego de Andainas Saudables.

Javier Gonzalez Sampedro (segundo pola dereita), como responsable de Vegalsa, patrocinador do Plan, amosou a súa satisfacción por "patrocinar unha campaña saudable que ademais crea un estado de opinión que fomenta a actividade física e contraria ao sedentarismo".

Pepa Fernández (a esquerda), Concelleira de Cultura, Educación e Deporte, animou a toda a veciñanza, "maiores, pequenos e medianos" a participar na Andaina, e lembrou que o Concello de Cee ten presentado un proxecto en Agader para a creación dun parque biosaudable, como o de Corcubión.

Pola súa parte, a alcaldesa Zaira Rodríguez (no centro) pechou o acto agradecendo a todos os que fan posoible a Andaina e asegurou que "serei a primeira en saír a andar para comezar os hábitos saudables".

A ruta

Foi o activo Técnico de Deportes do Concello de Cee, Manuel Calo (en primeira instancia na foto), o que presentou a ruta circular. Unha ruta de 6,5 quilómetros, sen desniveis, que partirá do Circuito Vita do Recheo Cee (semellante a un parque biosaudable pero pouco usado na vila da Xunquera) precisamente para que Calo intente recuperar o seu uso.
Irá cara o final do paseo pola banda de Cee e voltará ata o final do Paseo de Quenxe. Antes fará parada no Parque Biosaudable de Corcubión, e alí o propio Calo fará unhas explicacións de como se utilizan os aparellos.
De volta de novo a Cee, para rematar no mesmo Recheo ceense, onde Calo demostrará como se fan os estiramentos ideais para pechar unha completa xornada de actividade física saudable.

Novas relacionadas

Máis novas

Fonte

Comentarios