Venres. 29.03.2024
El tiempo

Javier Carballo: “Son unha persoa bastante nerviosa e o deporte e o contacto coa natureza son unha terapia”

Javier Carballo, autor do perfil O Rincón do Bichiño (incluso no Youtube) estrea a súa primeira exposición de fotografía natural , aberta ata o 2 de febreiro no Centro Comercial Finisterrae de Cee.
Javier Carballo e o Bichino
Fotos do perfil @o_rincon_do_bichinho
Javier Carballo: “Son unha persoa bastante nerviosa e o deporte e o contacto coa natureza son unha terapia”

Este ceense é ademais socio-fundador e xogador do SD Ameixenda da 3ª Galicia, traballa de Celador-Gardapeiraos no porto de Laxe despois de traballar durante de 13 anos de auxiliar de seguridade precisamente no centro comercial do corazón de Cee.

Aos seus 35 anos, leva dende os 14 xogando ao fútbol (no UD Carnota, no Pindo, no Dumbría, no seu Ameixenda…), e tamén saíndo a percorrer e disfrutar a nosa natureza. A explicación é ben clara: “Son unha persoa bastante nerviosa e o deporte e o contacto coa natureza son unha terapia”.

Falamos con el:

 
  • QPC: A túa primeira exposición… Menuda alegría, non? Como nace?

Pois si. Levo igual uns 10 anos subindo fotos ás redes sociais. Lembro que cando quixen poñerme un nome un bo amigo de sempre, Jesús Márquez, co que fundamos a SD, me dixo que tiña que aproveitar o alcume familiar, que vén do meu avó do Ézaro, así que como son o Bichiño, “O Rincón do Bichiño”.
Noto que pouco a pouco as fotos foron mellorando, e a xente foime animando á que fixese unha exposición. A miña parella e mais o meu ex xefe do Centro Comercial, o xerente Jaime Casais animáronme a facela, e aí está!

   
  • QPC: Que che aporta saír á natureza?

A min dende pequeniño sempre me gustou a natureza. Sempre papaba os docus de La2 , e sempre sacaba boas notas en Naturais. A fauna é o que máis me gusta. Observar os animais no seu estado natural xa che transmite tranquilidade, e reláxate.

 
  • QPC: Como che deu por comezar a gravalos? Foi importante ter ao outro lado da ría a xentes como Francisco Santiago López, ou Chisco Lema para interesarte por este mundo natural e da foto?

Saber que hai lobos na volta e poder observalos é unha pasada, por exemplo. Así que, se eu vía os docus de La2, por que non ver o meu propio documental.

A día de hoxe podo dicir que Paco Perú, como lle coñecemos os amigos a Francisco Santiago López, somos inseparables, polo levamos indo ao monte dende hai máis de 6 anos. Claro que os dous foron importantes para min.
Cando empecei a ser máis independiente, e cando saían os vídeos de Signatus Films ou Red Naturae, eu flipaba. Axudoume moito que estivesen aí. Eu ía aprendendo, e tiven a sorte de coincidir con el no ximnasio. Funlle preguntar, e empezamos a falar do tema, e comezou a levarme a facer unha espera con el. Ía todo orgulloso, e pouco a pouco funme metendo no gremio. Ao principio case nin levaba prismáticos, e pouco a pouco empecei tamén a mercar material fotográfico. Empezas a escaravellar, vas comprando novas cámaras, teleobxectivos… xa vas gastando un pastón… Pero váleme a pena por ter este contacto coa natureza.

Eles son máis de vídeo, pero a min parece que a foto me tira máis. Aproveito ademais que vou a andar, porque as esperas son máis paradas.

 
  • QPC: Aves, cabalos, lobos… Cales son os que máis che prestan “cazar”?

Todo o relacionado co lobo me flipa… O lobo é o meu animal de referencia. O máis parecido a nós, é social, protector que fai todo o posible para sacar adiante a súa crianza, ten un comportamento moi parecido a nós. É un animal moi denostado, ademais, que sofre o acoso por todos lados, polo que é un superivinte nato. Ser capaz de vivir nun mundo tan humanizado, ccon todas as problemáticas que xeramos, chámalle a atención a toda a comunidade naturalista. O lobo é un patrimonio animal  que temos que coidar. Pero non vou falar do lobo que me lío…

Teño moitos vídeos de lobos, pero a min o que me serve para mellorar a técnica de fotografía son as aves. Dan moito xogo, están sempre en movemento… E así aprendo e sácolle partido ao equipo que teño. Se non o uso, o equipo colle barola. Ademais, a variedade de aves que aparecen aquí como zona de paso, fan da ornitoloxía todo un mundo.

Javi Carballo o Bichicho
  • QPC: Cales son os teus recunchos favoritos para “cazar”?

A verdade é que preferimos non desvelar exactamente os puntos, pero movémonos moito pola zona. Carnota, Mazaricos, Cee, Vimianzo, Muxía…

 
  • QPC: Como é entón unha fin de semana habitual?

Por exemplo, un sábado podemos ir a facer unha espera do lobo. O día anterior facemos predición do tempo, iso é sagrado. Calculas para chegar case de noite e coller o mencer na espera, e sitúaste nunha zona de paso onde sabes que poden pasar os bichos. A maioría das veces volves casa sen nada, pero só ver o mencer no medio da natureza, ver cabalos salvaxes, corzos… xa vale a pena.
Pero eu non paro, gústame todo. Un sábado tamén vou dar un paseo, unha ruta en bici de carretera, sacar o kaiak, vou a pescar á robaliza… E o domingo, fútbol, claro!

 
  • QPC: Bueno, e falando da túa outra gran afección… Que me dis da familia do SD Ameixenda? Que ten o Fútbol da Costa que engancha así?

Que vou dicir. Eu fun un dos fundadores xunto a Jesús Márquez e Carlos Trillo, dos nos animamos, gracias ao empuxe de Andrea, a moza de Camacho que a pesar de ser de Corcubión deunos o empurrón final a un grupo de rapaces que estabamos pensando en facer un equipo… Agora temos a sorte de contar con Fernando. Que sería do club sen el!?
Pero por problemas nas costas, estiven fóra un tempo. Agora levo 2 semanas de volta, a ver que tal vai.

A quen lle gusta ao Fútbol, tenlle que gustar o Fútbol da Costa. Ademais, eu, despois de xogar en equipos da zona, poder crear un equipo do teu pueblo, e verse en 2ª Rexional, xogando finais de ascenso, contra equipos de vilas históricas da Costa da Morte, como Muxía, Malpica, Laxe ou Coristanco… Xogar o primeiro derbi con todo un UC Cee e ganarlle non ten prezo!!
A retransmisión que ten, gracias á atención dos medios de comunicación é brutal. A quen non lle gusta saír nunha foto!
A fin de semana sen fútbol non é fin de semana.

11 do SD Ameixenda
Bichiño, co seu Ameixenda nun dos últimos partidos da 3ª da Costa, na fila de arriba no medio.

Novas relacionadas

Vídeos naturais de Francisco Santiago López

Novas da serie De Re Naturae

Comentarios