Domingo. 22.09.2019
El tiempo

Laura Suárez: "Os nosos avós estiveron condicionados pola noite dunha maneira que nós endexamais entenderemos, e iso fascina"

Laura Suarez ilustradora de Cee
Laura Suarez ilustradora de Cee
Laura Suárez: "Os nosos avós estiveron condicionados pola noite dunha maneira que nós endexamais entenderemos, e iso fascina"

'Los cuentos de la niebla' é o debut no cómic da xove ilustradora ceense Laura Suárez (Cee, 1994). No libro, adapta varios relatos que lle contou a súa avoa Lola de pequena sobre mitos e lendas da nosa tradición oral. Así, a Santa Compaña, o 'aire' ou o 'o meigallo' son algunhas das inquedantes historias que fan acto de presenza na obra. Falamos coa autora.

QPC: “Los cuentos de la niebla” é o teu debut como ilustradora do mundo do cómic. De onde xorde a idea?

Pois quería facer un proxecto persoal, que vivise de primeira man e onde puidera expresarme graficamente. Un día, mentres paseaba con meu pai, comenteille que estaba buscando unha idea que me inspirase e xurdiu o recordo da miña avoa contándonos historias e os rituais da noite de San Xoán. Así que fun á casa dos meus avós en Olveira cun caderno e o portátil,  comezamos a falar da súa infancia, da vida daquel entón… E despois saíron a luz o Demo, a Roldiña, os vidoiros, os meigallos…. Xa coñecía algunha desas historias antes, pero non daquela maneira, recordo que esa noite non durmín nada, estaba chea de medo! E aí comezou todo, quería traballar nun formato que puidera chegar a un público amplo, e tamén a idea de poñer no papel algo que normalmente era de transmisión oral foi moi especial para min.

QPC: Transformas ao formato gráfico moitas das historias que ti mesma escoitaches a túa avoa cando eras pequena. Como foi o proceso de documentación?

Sobre todo foi falar ca miña avoa. Con ela entendín mellor os detalles, ata fixemos vídeo-chamadas para poder comentar as cousas, como aldeas, a vida daquel entón ou ensináballe os meus esbozos. Tamén busquei fotografías antigas en libros e na internet, estudos que falaban do folclore galego, obras de xente como Rosalía ou Celso Emilio Ferreiro…Todo isto foi de gran axuda para poder entender doutra maneira unha época completamente distinta, onde a vida era moito máis dura e as ánimas eran tan reais como a garda civil ou a fame.

QPC: Que foi o que máis che impresionou deses relatos?

A diferencia temporal, parece que falamos de hai moitos máis anos dos que realmente foron, a miña avoa é moi nova como para ter vivido nunha Galicia sen electricidade ou estradas. Tamén estaban moi condicionados pola noite dunha maneira que nós endexamais entenderemos, e iso fascina.

QPC: A semana pasada presentaches o libro en Cee. Que tal a acollida?

Superou con creces as miñas expectativas. Á verdade é que estaba algo nerviosa, era a miña primeira presentación. Pero estar en Cee é estar na casa, alí ca miña avoa, a nosa familia, os amigos, veciños... E os meus antigos profesores que tamén viñeron a vernos. Sentinme moi acollida, foi coma estar todos ó lado da lareira, falando das historias de aquel entón, ver a xente escoitar a miña avoa tan atentos como o estiven eu fai un ano e medio foi máxico. Non sei, foi algo moi especial e vouno recordar sempre.

Foto-firma (1)Foto-presentacion (1)

QPC: Galega afincada en Barcelona. Que significado ten para ti Cee e a Costa da Morte. Volves sempre que podes?

É curioso porque levo catro anos vivindo fóra, un en Valencia e 3 en Barcelona e sempre teño a Galicia moi presente, ata ás veces poño a “Muiñeira de Chantada” na casa cando me sinto algo morriñenta. Facer o libro levoume, tamén,  moito a Galicia, e ás veces dábame pena non poder traballalo desde alí. Pero estou moi contenta coa experiencia que tiven aquí, coñecín a xente fantástica e aprendín moitísimo. Agora volvo a casa a partir do mes de Agosto, e estou moi contenta e con moita ilusión de poder  vivir outra nova etapa máis cerca dos meus!

QPC: Algún outro proxecto que xa teñas en mente?

Agora mesmo estou traballando en dous proxectos de libro ilustrado que teñen un enfoque infantil, colaboro como ilustradora. É a primeira vez que traballo xunto a un escritor e é moi emocionante, estou moi contenta de poder colaborar con xente con tanta traxectoria e sobre todo moito talento, síntome moi afortunada. Un dos libros sairá en galego a finais de este ano. O outro é en inglés, e sairá a venta no verán do ano que vén.

Comentarios