Lires recupera a súa memoria


Na mañá de onte, domingo 15 de decembro quedou inaugurada a exposición fotográfica “Lires na Memoria”. Esta selección de fotografías tráenos diferentes imaxes de principios e mediados do século XX que mostran o día a día das xentes da parroquia ceense e na que tamén se recollen imaxes das celebracións e festividades da época.
A exposición, é froito dun longo traballo de diferentes compoñentes da ARCE Pedras Miúdas, que contaron en todo o momento co apoio de Mino Andrade, un activo membro do Fotoforum Compostela. Na inauguración estiveron presentes o propio Mino, a presidenta da ARCE Pedras Miúdas, Olga Fidalgo Baamil; a alcaldesa de Cee, Zaira Rodríguez; tamén tivemos o pracer de contar con Concha Blanco, escritora nada na parroquia de Lires e quen destacou a importancia de recuperar estas fotografías como unha forma de facer unha lectura do noso pasado.
Esta mostra fotográfica poderase visitar durante o Nadal, os venres, sábados e domingos de 6 a 8 da tarde ata o vindeiro día 5 de xaneiro.


Rally fotográfico
Onte tivo lugar ademais o I Rally Fotográfico Pedras Miúdas, no evento, participaron un total de 21 participantes entre as categorías Infantil, Compacta e Réflex. Os premios aos gañadores entregaranse o vindeiro día 5 de xaneiro, coincidindo coa clausura da exposición fotográfica.
Novas relacionadas
- A fotografía invade Lires cun Rally Fotográfico e unha exposición histórica.
- Lires, 1968.
- As Aberturas de Manuel Vilar: Pasar a Ponte Constante (II).
Fonte
- Pedras Miúdas.