O novo local da Asoc. Paseniño, a pleno rendemento en materia de inclusión
Segue a Asociación Paseniño afianzando o seu papel como entidade de referencia na Costa da Morte no apoio á infancia e a adolescencia con diversidade funcional ou necesidades de apoio. Nos últimos meses, a entidade intensificou a súa actividade no seu novo local de Cee —situado fronte ao CEIP Vila de Cee—, convertíndoo nun espazo cada vez máis activo e con maior proxección na comarca.
Dende este punto de encontro, a asociación desenvolve un programa variado que abrangue respiro familiar, talleres socioeducativos, actividades para o desenvolvemento da autonomía, ocio inclusivo e espazos de participación adaptados ás necesidades dos nenos, nenas e adolescentes da zona.
Unha resposta necesaria nun territorio sen alternativas
A labor de Paseniño resulta especialmente relevante nunha comarca como a Costa da Morte, onde non existen outros servizos similares para a infancia e adolescencia. Durante anos, moitas familias víronse obrigadas a desprazarse fóra da comarca para acceder a apoios especializados ou actividades adaptadas. A asociación ofrece hoxe unha alternativa próxima, comunitaria e accesible que reduce esa carga e achega os recursos ao lugar onde as familias viven e crían os seus fillos e fillas.
Pero a mirada de Paseniño vai máis aló da infancia e a adolescencia. A asociación desenvolve tamén propostas dirixidas ás familias: espazos de encontro, de formación e de apoio emocional e práctico onde pais, nais e outros coidadores poden compartir experiencias, adquirir ferramentas e sentirse acompañados no día a día. "Porque a inclusión real require tamén coidar e fortalecer a quen coida", considera a entidade.
Comunidade: a inclusión como experiencia compartida
Xunto ás actividades específicas para persoas con diversidade funcional ou necesidades de apoio, Paseniño está a impulsar espazos compartidos nos que participantes con diferentes capacidades, ritmos e necesidades conviven, aprenden e xogan xuntos. A inclusión deixa así de ser un obxectivo abstracto para converterse nunha realidade vivida, construída desde a proximidade e o xogo, os talleres, as actividades creativas e a convivencia do día a día.
Un programa amplo
O crecemento da actividade de Paseniño está sendo posible grazas á colaboración de XEAL, que permite que asociación conte cos medios necesarios para ofrecer acompañamento profesional e facer posible esa participación de forma real e sostida no tempo.
"O apoio de XEAL foi clave para consolidar a nosa presenza na comunidade e mellorar a calidade dos servizos que ofrecemos", sinala Alejandra, presidenta de Paseniño.
Próximas actividades
Nas próximas semanas, Paseniño continuará programando novas propostas combinando actividades específicas para persoas con diversidade funcional con outras abertas á participación comunitaria. "O obxectivo é seguir construíndo un territorio máis inclusivo, onde todas as persoas poidan participar en igualdade de condicións, e facelo desde a proximidade e o acompañamento real ás familias", engade Alejandra.
Para estar ao tanto de toda a programación, a entidade invita a consultar a súa páxina web ( www.pasenino.com), seguir as súas redes sociais ou contactar directamente por teléfono ou WhatsApp (604.047.582).